A Mancomunidade do Val Miñor pon en marcha o comedor social

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Os alumnos-traballadores da especialidade de servizos de restaurante.

A Mancomunidade do Val Miñor puxo en marcha este martes o comedor social que será atendido polos alumnos do VI Obradoiro de Emprego “Terras do Miñor” ata que finalicen a súa etapa formativa. A iniciativa púxose en marcha cunha achega de 179.134,20 euros (97.150,20 euros para os gastos salariais dos alumnos) da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia.

A sexta edición do Obradoiro de Emprego “Terras do Miñor” está promovido pola Mancomunidade do Val Miñor e estase desenvolvendo desde o mes de outubro, nas dependencias do CEE (Centro de Educación Especial) de Panxón. Ao longo dos seis meses de duración (960 horas en total), os 15 alumnos traballadores (sete de operacións básicas de cociña e oito de servizos de restaurante), serán os encargados de elaborar as comidas e servizo de restaurante para o comedor social que comezou a funcionar este martes.

Os traballadores do obradoiro son sempre seleccionados a través das listaxes do INEM, nesta ocasión, menores de 30 anos, mentres que os usuarios do comedor social proceden dos departamentos de servizos sociais dos tres concellos da Mancomunidade do Val Miñor.

O presidente da Mancomunidade e alcalde de Baiona, Ángel Rodal, e os alcaldes de Nigrán e Gondomar, Juan González e Francisco Ferreira, acudiron este martes á apertura do comedor social que se desenvolverá os martes e xoves, segundo a programación do obradoiro, durante todo o proxecto.

A directora do Obradoiro de Emprego «Terras do Miñor VI», Mª do Pilar Pintos, destacou a profesionalidade dos responsables do obradoiro e a calidade do servizo que prestarán todos os alumnos. “O alumnado pon todo o seu esforzo para ofrecer aos usuarios un comedor social de primeira categoría”, sinalou.

Pola súa banda, Ángel Rodal destacou os esforzos da Mancomunidade para conseguir “xente preparada e especializada grazas aos obradoiros, de maneira que podamos fomentar o emprego de calidade no Val Miñor e que mediante a formación poidan entrar no mercado de traballo nestas especialidades tan demandadas”.

O comedor está nas dependencias do CEE (Centro de Educación Especial) de Panxón e posibilita que martes e xoves aqueles que o necesiten poidan contar cun menú completo composto por un primeiro, un segundo, sobremesa e bebida. Os pratos son elaborados nas clases de cociña polo alumnado do obradoiro e son servidos polas persoas que se están formando para ser camareiros profesionais.

Este comedor ten unha dobre utilidade. As persoas usuarias benefícianse dun menú completo e os traballadores fórmanse para o mercado laboral.

IMG_4800-001

Anuncios