
Triunfo importante o conseguido este domingo na pista do Municipal de Baiona que deixa ao equipo con 11 puntos e con outro derbi miñorán no peto.
Era unha partido clave para levantar a moral, o Cereixa Gondomar FS fixera un gran partido a semana pasada e unicamente sumara un punto polo que gañar fóra de casa convertíase nunha necesidade. Non empezaron ben as cousas para o visitante que case desde o vestiario arrancaba 1-0 abaixo. O equipo non estaba cómodo e o Baíña FS aproveitábao para ampliar ao 2-0 parcial.
Os locais baseaban o seu partido en presión alta que por momentos, terminaban en falta cando os visitantes conseguían superala. Así foi como mediada a primeira metade, o Baíña FS xa tiña cinco faltas en contra. Esteban Fernández Figueiras rebentaba a portería nun saque de banda e o equipo empezaba a crer na remontada (2-1). Con todo e a pesar de que os visitantes apertaban con ocasións claras de gol, o local atoparía o 3-1 e volvía poñelo difícil.
Foi entón cando chegou a sexta falta e a primeira oportunidade clara de marcar desde o dobre penalti pero o porteiro local desviaría a banda. Na seguinte xa non houbo fallo e Huguito Gonzálvez volvía descontar (3-2). O Baíña FS pecou de excesiva dureza na súa presión e outra falta daba a posibilidade do empate a Hugo que non fallaría (3-3).
Descanso e xogadores a vestiarios.
O empate era enganoso xa que, aínda que os locais empezaron mellor cun parcial de 2-0, o Cereixa FS dispuxera de 13 remates a porta.
Na continuación o guión cambiou e o visitante tirou de experiencia para levar o partido ao seu territorio. Os locais tentaban repetir o exposto no inicio do atopo pero os de Vincios estaban moi cómodos e conseguirían adiantarse a pés de Luca que desviaba en boca de gol un tiro cruzado (3-4). Pouco despois sería o capitán Edu Rodríguez Pérez o que se libraría da marca e poñería o 3-5 que encamiñaba o partido á vitoria dos de Gondomar.
O Baíña FS tentouno á desesperada con porteiro xogador pero nunha perda e con outra falta, Gabriel Denis Vasconcellos pechaba o partido desde o dobre penalti (3-6).
Final e merecido triunfo dos visitantes que foron máis que o seu rival, o Baíña FS complicou mentres lle durou a gasolina pero despois os de Vincios non deron opción e quedaron cos 3 puntos.
A pensar no próximo duelo en casa co sempre difícil Quinta de Tui.