A exposición “Á violencia de xénero… Dille NON!” chega a Baiona para concienciar aos máis novos

O CPI Cova Terreña de Baiona foi o elixido para a presentación da exposición «Á violencia de xénero… Dille NON!», promovida pola Xunta de Galicia e que ten como obxectivo impulsar a sensibilización e prevención da violencia de xénero entre a mocidade.

O acto, organizado desde a Concellería de Igualdade do Concello de Baiona, contou coa presenza da secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, o alcalde, Ángel Rodal, a concelleira de Igualdade, Mª Carmen Paredes, a subdirectora xeral para o tratamento da violencia de xénero, Belén Liste, a comisaria da exposición, Gemma Sesar, e a directora do CIM, Elena Otero, ademais da directora do centro, Isabel Martínez Cabaleiro, e representantes da ANPA, da Asociación de Viúvas “Mercedes de la Escalera” e da Asociación de Amas de Casa.

Á inauguración asistiu o alumnado de 1º e 2º de ESO, participante nos obradoiros de sensibilización e prevención contra a violencia de xénero que a Concellería de Igualdade, a través do CIM (Centro de Información á Muller) e a de Educación, veñen desenvolvendo conxuntamente nos centros educativos, e Alba Carneiro, de 4º de ESO, unha dos 12 premiados no I Concurso Escolar contra a Violencia de Xénero organizado pola Subdelegación do Goberno en Pontevedra co seu traballo gráfico co lema «Non more silence», escollido entre máis de 300 traballos presentados nesta modalidade.

O alcalde, Ángel Rodal, apuntou o necesario que é investir en formación e prevención para erradicar a violencia de xénero da nosa sociedade e apelou directamente ao alumnado como o protagonista para conseguir esta meta xa que eles son o futuro da nosa sociedade.

A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, incidiu na importancia de seguir reforzando medidas de prevención da violencia de xénero entre a mocidade galega. Destacou a importancia destas iniciativas dirixidas aos adolescentes, xa que constitúen un colectivo especialmente vulnerable e que exposto, ademais, a novas formas de malos tratos a través das redes sociais, como o ciberacoso, o sexting ou o ciberbullying.

Esta exposición inscríbese no conxunto de actuacións que está a impulsar o Goberno galego nos concellos adheridos á Rede de entidades locais contra a violencia de xénero. Está enfocada para axudar á mocidade para recoñecer, identificar e rexeitar condutas sexistas, nocivas nas súas relacións.

Trátase de 11 paneis, de 70 x 100 centímetros, que mostran a través dunha selección de fotografías unha realidade social que só pode ser freada a través dun rexeitamento colectivo. “Todas as formas de violencia de xénero aliméntanse do mesmo substrato: os estereotipos caducos e os mitos enganosos que a xente maior cre erradicados e que, desgraciadamente, a poboación máis nova parece estar a reproducir de maneira preocupante”, resume a introdución da mostra.

Nos carteis reflíctense formas de exercer a violencia que case sempre lle pasan desapercibidos a quen a sofre e, nalgunhas ocasións, tamén a quen a exerce por tratarse dun modelo normalizado pola cultura e a sociedade que cala con forza na adolescencia.

«Como centro sentimos orgullosos de ser elixidos como sede para a presentación desta exposición, unha exposición cun deseño novo e cunha mensaxe clara e directa ao público onde se inclúe o alumnado do sistema educativo», subliñou a directora do CPI Cova Terreña, Isabel Martínez Cabaleiro.

«O camiño para producir o cambio necesario na sociedade pasa pola formación do noso alumnado nos principios de igualdade e respecto entre xéneros, polo que todo investimento en educación é positivo á vez que necesario», concluíu Martínez Cabaleiro.

Esta exposición enmárcase na programación deseñada pola Concellería de Igualdade con motivo das actuacións do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, que en Baiona conmemórase este próximo venres 24 coa celebración dun acto ás 12:00 horas na Praza do Concello e cuxo obxectivo, entre outros, será reivindicar, a responsabilidade que como sociedade compétenos, potenciando relacións desde o respecto, destacando o papel da muller na sociedade actual e a necesidade de articular políticas tendentes a garantir a igualdade entre homes e mulleres.

Mª Carmen Paredes, Concelleira de Igualade, presentará o calendario realizado en base aos traballos do alumnado de 6º de primaria de todos os centros educativos do municipio.

Este ano a Concellería de Igualdade centrou os actos e actividades do día 25 de novembro ao redor da mocidade ao entender como alicerce básico para erradicar a violencia a sensibilización deste colectivo, impartindo obradoiros tanto ao alumnado de educación primaria coa o da etapa de educación secundaria obrigatoria.