O Auditorio Lois Tobío acolleu este sábado o acto de entrega do X Premio de Poesía Victoriano Taibo, organizado polo Concello de Gondomar e o Instituto de Estudos Miñoráns. O xurado, formado polos profesores e escritores Xulián Maure, Iria Misa, Gonzalo Navaza, Xosé Iglesias Lamela e Marta Dacosta, acordou concederlle o galardón ao poeta de Cee Rafa Vilar polo poemario titulado “Erosións”.
Trátase dun libro que combina a paixón e a intimidade cunha exquisita sinxeleza e intensidade lírica, froito dun coidadoso traballo de construción poética en que desaparecen as concrecións de xénero para converter os poemas na expresión total do amor. Un amor que non pode desprenderse da realidade e, mentres o eu poético constata a erosión do paso do tempo e as feridas da vida, convida á persoa amada a crear un horizonte “a salvo de naufraxios”, a través de cen poemas breves que empregan as palabras imprescindibles para construír imaxes intensamente poéticas.
O acto, conducido por Marta Dacosta, púxolle un marco axeitado ao momento no que Rafa Vilar recolleu o galardón, dotado con 3.000 euros e unha peza escultórica obra do artista miñorán Fino Lorenzo, da man de Francisco Ferreira, alcalde de Gondomar, e o director do IEM, Xulián Maure, para logo recitar algúns poemas do seu libro.
Este evento cultural, estivo amenizado pola banda de gaitas Balcón do Miñor, de Morgadáns. Tras a intervención do alcalde e do director do IEM, o coro tradicional Cantares do Brión de Vincios fíxose cargo da clausura.













