O PP de Nigrán acusa o alcalde de tentar politizar os incendios

FOTO: PP NIGRÁN // Reunión informativa en Camos.

O pasado xoves celebrouse en “A Camoesa” a petición do Partido Popular de Nigrán unha reunión informativa sobre as axudas convocadas pola Xunta de Galicia como consecuencia dos incendios do pasado mes de outubro. Asistiron o Delegado Territorial da Xunta en Vigo, e os Xefes Territoriais de Economía, Emprego e Industria, Medio Ambiente e Infraestruturas e de Explotación Agraria, ademais da Secretaria Territorial da Xunta en Vigo.

A presidenta local do PP, María José Pino, declaraba que a reunión “foi moi proveitosa e resolvéronse moitas dúbidas propostas desde distintos colectivos, comunidades de montes, asociacións de veciños e particulares”. María José Pino propoñía ademais a Sede do Partido Popular, como un lugar de asesoramento para calquera persoa afectada que non puidese presenciar dita reunión, afirmando “estar a disposición de calquera veciño/a para liquidar calquera dúbida”, xa que “o contacto directo cos técnicos e demais persoas competentes axilizará a súa resposta rápida”.

Tras as críticas vertidas polo alcalde, Juan González, o PP de Nigrán lamenta profundamente a súa actitude e acúsao de tentar politizar os incendios, non querer facilitar información aos veciños e converterse nun “subalterno” da presidenta da Deputación de Pontevedra.

María José Pino censura que González aproveite a situación que viven moitos dos veciños da localidade para sacar réditos políticos. Neste sentido, aclara que a reunión convocada na Asociación de Veciños de Camos foi unha iniciativa da agrupación do PP á que se convidou ao Delegado da Xunta en Vigo e a técnicos da Administración autonómica, e que a razón de convocala foi que os veciños se queixaban do desinterese do alcalde de poñer en contacto aos afectados coa Xunta para que estes puidésense informar das axudas.

Non sen certa ironía, Pino asegura entender os insultos do rexedor por canto a iniciativa dos populares “deixa en evidencia a súa falta de atención aos veciños”. “Os afectados quéixanse de que o alcalde non fixo nada para que os veciños puidesen expor directamente á Xunta as preguntas que tivesen sobre a convocatoria de axudas”, apunta a presidenta popular. “Como o alcalde non o fixo, fixémolo desde o PP. O alcalde non pode facer ao PP responsable da súa inoperancia”, sinala, á vez que lle insta a “poñerse a traballar e axudar aos prexudicados”.

Pino defende a axilidade coa que Xunta publicou a orde de axudas e desenvolveuna, “bastante máis do que fixeron ata agora outras administracións, como a Deputación que é a competente en Nigrán en bombeiros, protección civil e emerxencias”.

Nesta mesma liña, a presidenta dos populares de Nigrán pide ao alcalde que “defenda antes aos veciños que á presidenta da Deputación, e que pida inmediatamente á Deputación unha convocatoria de axudas para os afectados polos incendios en Nigrán, Onde están as axudas da Deputación?”. Insiste Pino en que a reunión do xoves foi convocada polo partido para explicar as medidas activadas desde a Xunta e que os representantes do Executivo autonómico responderon á chamada dos veciños. “Isto non vai de cores ou afinidades políticas, confunde González, isto vai de ofrecerlles á veciños información e asesoramento tras a grave situación vivida o domingo dos lumes e facilitarlles o trámite administrativo que se require para acceder ás axudas”, subliña.

“Mentres uns están na crítica permanente outros nos dedicamos a buscar solucións aos problemas dos veciños”, conclúe Pino.

Anuncios