Sin categoría

“La Pinta” arriba de novo a Baiona tras unha posta a punto de 30.000 €

A réplica de “La Pinta” xa está de novo en Baiona. A nave partiu da Guarda este sábado ao mediodía, cando coa marea partiu rumbo á Real Vila remolcada polo Ría de Vigo. Ás 18:30 horas, xa na contorna de Monte Boi, embarcacións do Monte Real Club de Yates tomaron o relevo para conducila polo interior da baía.

Ao redor das 19:30 horas, finalizaban as manobras de atracada nas instalacións do club baionés, onde permanecerá amarrada mentres se finalizan os traballos de montaxe na parte do museo para trasladala ao seu pantalán a tarde do venres 24 ou a mañá do sábado 25.

A carabela permanecía na Guarda desde o pasado 6 de outubro para someterse a unha reparación integral nos estaleiros Joaquín Castro de Camposancos, para a próxima Festa da Arribada, unha edición que o Concello pretende celebrar ao grande, dado que conmemorará o 525 aniversario da chegada da embarcación capitaneada por Martín Alonso Pinzón á vila coa primicia do Descubrimento de América.

Unha vez varada, a carabela foi sometida a traballos por valor de 30.000 euros, que inclúen a limpeza e revisión tanto da obra viva como da morta, o pintado de casco e paus, así como unha revisión xeral de todo a súa cabotaxe e puntos de seguridade.

Raúl Costas, concelleiro de Actividades Marítimas, foi o encargado de custodiar a nave tanto nas travesías como nas manobras de solte de amarras como de atracada. Trátase da terceira vez en trece anos que a emblemática embarcación parte de Baiona para unha reparación a fondo en dique seco. A primeira mantívoa afastada da localidade durante un ano e medio entre 2004 e 2005 e a segunda, en 2012, apenas tres meses.

IMG_8847