Balóns en recordo das 55 mulleres e nenos asasinados pola violencia machista

O CB Nigrán realizou esta tarde no pavillón do CEIP de Panxón a foto final do vídeo en contra da violencia de xénero que fará público a próxima semana.

A foto, na que participan xogadores e familias do club, é unha homenaxe ás vítimas desta lacra social. Un total de 55 balóns na pista debuxando un gran lazo, un balón por cada unha das mulleres e nenos e nenas asasinados este ano pola violencia machista.

No vídeo aparecen representantes de diferentes ámbitos da sociedade como as xogadoras de baloncesto da selección española Alba Torrens e Laura Nicholls, a escritora Sonia Mirón, o actor Antonio Durán «Morris», o grupo musical Amaral, os futbolistas Jorge Otero e Javier Maté, así como diversos colectivos tales como o club Amfiv, o Basketmi Ferrol ou os claustros de profesores dos colexios Humberto Juanes, Carlos Casares, Cruz Camos, Panxón e Mallón entre outros.Todos eles aparecerán no vídeo portando unha pelota de baloncesto, un balón por cada muller ou neno asasinado co obxectivo de concienciar e sensibilizar sobre esta lacra social que non cesa no seu goteo de vítimas.

Anuncios