Cineastas de Nigrán presentan a curta “Azul Eléctrico” no Imperfectu Fest de Tijuana

“Azul eléctrico” é o título da curtametraxe realizada polas cineastas miñoranas (de Nigrán) Eire García Cid e Patricia Torres, con Mariña López Varela e Miriam Carril Rivadulla, que se presenta o venres, 17 de novembro, na sección oficial do Imperfectu Fest (Festival Internacional de Cine y Estudios de Género) de Tijuana (Baixa California, México), no apartado de Cine feito por mulleres no que é a súa estrea internacional logo da súa presenza no XXV Festival Cortopatía de Madrid.

“Azul eléctrico” é unha historia sobre unha relación simbiótica que desafía a dúas mulleres. Explorada de forma experimental, a base de texturas visuais, nunha creación mestura de videoarte e danza moderna, a proposta encádrase no marco do cinema independente e poderá visualizarse on-line en marzo de 2018.

“Azul eléctrico” preséntase no programa do festival con Galicia como país de procedencia.

Este cuarteto de outsiders feministas da industria audiovisual galega prepara xa o lanzamento da súa seguinte curtametraxe que, advirten, non deixará indiferente a ninguén. Non queren aínda revelar o título pero si afirman que o grupo aumentou e que consolidará no futuro a súa celebración da alteridade.