Anuncios
Ticker de novas

A Xunta insta aos concellos a reducir nun 10% os consumos de auga non esenciais en dez días

FOTO: SANTY DOMÍNGUEZ // Estado do encoro de Baíña.

A Xunta de Galicia vén de instar aos concellos que se abastecen dos sistemas hidrolóxicos do sur da provincia de Pontevedra a reducir nun 10% os consumos non esencias nos próximos dez días. Esta foi unha das decisións que o director de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez Martínez, trasladou este mediodía aos concellos afectados pola activación da alerta por seca no sistema dos ríos Verdugo, Baíña e Lagares (Sistema1) e dos ríos de Oia, O Rosal, que verten á Costa Atlántica (Sistema 2), cos que mantivo unha nova reunión de coordinación.

Tamén indicou que se esta situación non varía, esta porcentaxe irase incrementando ata un 35%, co fin de estar preparados para a toma de decisións, en caso de maior gravidade. Nese sentido, recomendou aos concellos, como administracións competentes das redes de abastecemento, adoptar as medidas necesarias para acadar esta redución e poder así alongar os recursos cos que se conta, dado que hai marxe, a pesar de que os encoros contan cun 15% menos dos recursos medios propios desta época do ano.

Trasladou que os sistemas do sur da provincia de Pontevedra son os que máis preocupan, porque non rexistran as choivas que si se recolleron noutros puntos de Galicia ao longo destas últimas semanas. Cos datos recollidos a 13 de novembro, os encoros de Eiras e Zamáns atópanse ao 41,64% e 38,83% da súa ocupación respectivamente. O de Baíña, en Baiona, sitúase no 28,12%.

Roberto Rodríguez insistiu que na actualidade o abastecemento á poboación está garantido, pero que este non é ilimitado. Recordou que a situación actual de alerta é consecuencia dunha evolución progresiva, que se iniciou coa declaración de prealerta o pasado ano, e da que Augas de Galicia informou puntualmente. Lembrou que en maio xa se recomendou aos concellos a adopción de medidas para o control dos recursos hídricos, polo que se a situación non revirte será necesario avanzar na redución dos consumos non esenciais, na redución de caudais e, por último, alterar a capacidade de abastecemento á poboación.

Anuncios