Anuncios
Ticker de novas

Voluntarios retiran preto de 100 quilos de residuos na praia da Ladeira

FOTO: CONCELLO DE BAIONA // O grupo de voluntarios xunto co alcalde ao finalizar a xornada de limpeza na Ladeira.

O Concello de Baiona sumouse o pasado sábado á sétima xornada de limpeza simultánea de praias capitaneada pola asociación ecoloxista Adega en coordinación co Campus do Mar e o Centro de Investigacións Mariñas da Universidade de Vigo. Un grupo de voluntarios retirou preto de 100 quilos de residuos na praia da Ladeira, fundamentalmente materiais plásticos e redes.

Para o correcto desenvolvemento da limpeza, que comezou ás 10:30 da mañá e durou preto de dúas horas, a actividade foi coordinada por unha especialista en materia de medio ambiente da Universidade de Vigo. Media hora da actividade dedicouse á formación dos voluntarios, explicándolles o impacto visual, pero o máis importante o grave perigo que supón para a flora e fauna mariña. Algunhas das especies ameazadas son cetáceos, tartarugas ou aves mariñas, xa que inxeren plásticos confundíndoos con alimentos. Outro gran perigo son as redes xa que poden acabar enredados, dificultándolles a mobilidade, sufrir graves lesións ou causarlles a morte.

O Concello de Baiona encargouse de proporcionar o material necesario para a actividade (luvas, bolsas), e a súa posterior recollida unha vez clasificados, dando traslado ao Punto Limpo.

As limpezas de praias son actividades de concienciación e educación ambiental que permiten que a cidadanía coñeza a problemática dos residuos mariños, a súa orixe e os impactos que causan, así como avaliar cales son as medidas que cada un de nós pode desenvolver para minimizar este problema. Tapóns, bolsas, anacos de redes ou de cordas de nailon, son exemplos de restos de orixe plástica que alén do seu impacto visual supoñen un perigo para a fauna e a flora mariña e mesmo representarían, pola súa transferencia trófica, un risco para os seres humanos.

Anuncios