A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar DepoVerde 2017, un novo proxecto dirixido a mellorar a empregabilidade das zonas medioambientalmente protexidas da provincia de Pontevedra cun orzamento total de 138.387,38 € e que conta con financiamento dos Fondos Europeos a través de “Empleaverde 2017”, da Fundación Biodiversidad. Esta novidosa iniciativa proponse impulsar as producións hortofructícolas e apícolas de calidade para mellorar a empregabilidade das e dos habitantes de espazos protexidos.
O proxecto desenvolverase en zonas da Rede Natura e irá destinado a persoas interesadas en levar a cabo unha iniciativa empresarial nestes espazos ou que pretendan traballar nos sectores hortofructícola ou apícola. Ao abeiro deste programa impartiranse 16 accións formativas, presenciais e en liña, en relación á apicultura sustentable e á hortifructicultura sustentable. Por unha banda organizaranse obradoiros para facer un uso máis eficiente dos recursos naturais a través dunha actividade plenamente integrada no medio, contribuíndo á conservación da biodiversidade e da paisaxe nestas zonas, e pola outra banda impartirase formación xeral sobre os conceptos básicos e necesarios para emprender unha explotación hortofructícola sustentable.
O proxecto pretende impulsar as producións horto froiteiras e apícolas de calidade en espazos protexidos da provincia como son as Zonas de Especial Protección para Aves (ZEPA) de Pontevedra como as Illas Cíes, o Complexo Intermareal Umia-O Grove – A Lanzada- Punta Carreirón-Lagoa Bodeira, a Illa de Ons ou o Esteiro do Miño; e os Lugares de Importancia Comunitaria propostos de Pontevedra como as Illas Cíes, o Monte do Faro, o Sistema fluvial Ulla-Deza, o Río Lérez, A Ramallosa, o Complexo Ons-O Grove, o Monte Aloia, o Río Tea, o Baixo Miño, as Brañas de Xestoso, o Cabo Udra, a Costa da Vela, as Gándaras de Budiño, as Illas Estelas, a Serra do Candán e do Cando, as Sobreirais do Arnego e a Enseada de San Simón.
A iniciativa estará cofinanciada entre Fondo Social Europeo, Deputación de Pontevedra e a Agrupación de Pequenos Agricultores e Agricultoras e Gandeiros e Gandeiras de Andalucía, quen é socia desta iniciativa.

