20 mozos de Gondomar comezan a súa formación para obter o título de ESO

O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, acompañado pola concelleira de Xuventude, Nuria Lameiro, inaugurou o curso financiado ao 100% polo Concello para que 20 mozos do municipio maiores de 18 anos obteñan en maio de 2018 o título de Ensinanza Secundaria Obrigatoria (ESO).

As clases concluirán en abril de 2018. O alumnado recibirá competencias nos ámbitos científico, social e lingüístico. O curso consta de seis horas lectivas presenciais á semana, distribuídas en dúas sesións con titor e seguimento personalizado. Ademais faráselles entrega do material de apoio necesario para que poidan preparar os exames.

O Concello de Gondomar inviste nesta acción 6.960 euros, o que supón 340 euros por alumno. “Todo o investimento que as institucións fagan en formar aos nosos mozos é pouca”, aseverou o rexedor, que anunciou maior apoio para os mozos e emprendedores.

A iniciativa, que se desenvolve baixo o lema “Dá o primeiro paso para mellorar o teu futuro, obtén a ESO”, supón unha clara aposta do goberno local por un ensino homologado de calidade, que contribúa a mellorar a formación e a competitividade laboral de persoas novas e non tan novas que por distintas circunstancias non tiveron oportunidade de obter esta titulación no seu momento, imprescindible para acceder ao mercado laboral.

Nesta liña de apoio á educación homologada de calidade, e para unha segunda fase o Concello de Gondomar baralla impulsar unha iniciativa similar destinada a persoas maiores de 25 anos que desexen preparar o acceso á universidade.