Gondomar recibe a Esteban Pérez e Ezequiel Salgueiro como campións galegos de RallyMix 2017

FOTO: CONCELLO DE GONDOMAR // Paco Ferreira e Nuria Lameiro xunto con Esteban Pérez e Ezequiel Salgueiro.

O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, e a concelleira de Deportes, Nuria Lameiro, recibiron no Concello ao equipo “EPI Racing”, formado por Esteban Pérez e Ezequiel Salgueiro, veciños do municipio e que acaban de proclamarse Campións Galegos de RallyMix 2017 co seu BMW E30, na Agrupación 4 así como tamén na categoría de propulsión, alcanzado ademais a terceira praza entre os vehículos carrozados.

Esteban Pérez Iglesias, natural de Vilaza, e Ezequiel Salgueiro Simoes, de Vilariño aínda que actualmente veciño de Peitieiros, alzáronse co título autonómico o pasado fin de semana en Barbadás (Ourense), tras conseguir a vitoria en tres das catro carreiras das que constou o campionato, demostrando un alto ritmo en todas as citas.

Na última proba ata catro equipos tiñan opcións de facerse co título de campións. Desde o principio tiveron unha moi bonita loita con Javier Martínez Carracedo e o seu Renault 5 GT Turbo, acabando o sábado a tan só cinco décimas do piloto da Estrada despois de tres pasadas polo tramo. Xa o domingo conseguiron impoñer un alto ritmo na primeira pasada, endosándolle algo máis de seis segundos, alcanzando así o liderado que manterían xa ata o final da proba, na que se clasificaban finalmente como o terceiro carrozado, sendo a mellor posición alcanzada no que vai de ano.

Esteban Pérez xa foi Campión de Autocrós en 2014 e subcampión en 2015, o que demostra as súas grandes aptitudes ao volante, vencendo en moitas ocasións a monturas bastante superiores cun coche totalmente de serie.