Gondomar convoca o segundo concurso de escaparates e ambientación de Nadal

O Concello de Gondomar, a través da súa Concellería de Comercio e en colaboración coa Asociación de Comerciantes e Empresarios do Val Miñor (OVALMI), convoca o segundo Concurso de Escaparates e Ambientación de Locais do Concello de Gondomar Nadal 2017. Os motivos e decoración dos escaparates e da ambientación dos locais terán como tema as “Festas de Nadal”. Os comercios que se presenten deberán adornar a beirarrúa correspondente ao espazo do local, coa colocación dunha alfombra ou moqueta vermella na entrada ocupando o espazo físico da beirarrúa.

“Tras dunha moi positiva e reconfortante experiencia do ano pasado, queremos colaborar en que a nosa Vila sexa un espazo público de harmonía, sosego, beleza, estética da fermosura que invite á cidadanía a pasear polas súas rúas. Neste ambiente será máis atractivo profundizar nas ofertas e produtos que o Comercio de Gondomar fai aos seus concidadáns”, destaca Xosé Antón Araúxo.

Os titulares ou cotitulares dos comercios serán galardoados con seguintes premios económicos que serán entregados o 4 de xaneiro de 2018:

• Primeiro/a clasificado/a concurso escaparates: 300 €
• Primeiro/a clasificado/a concurso ambientación de locais: 300 €

Para inscribirse no concurso é obrigatorio ser maior de idade e titular ou cotitular dun establecemento comercial situado no Concello de Gondomar. O prazo de presentación de solicitudes rematará o día 10 de decembro de 2017.

O proceso de elección do comercio premiado será novidoso. Haberá unha dobre entrada de votos:

• Unha directamente en urnas que os comercios porán no seu establecemento, nas que os clientes poderán depositar o seu voto. A papeleta poderán solicitala nos propios comercios. Entre todas as persoas que depositen o voto nas urnas que estarán nos comercios sortearase unha cesta de Nadal,

• Outra mediante voto telemático aberto á cidadanía.

As solicitudes poderán presentarse de luns a venres, en horario de 9:00 a 14:00 horas, no rexistro municipal, ou a través da sede electrónica, https://concellodegondomar.sedelectronica.gal.

Os escaparates e a ambientación de locais deberán estar expostos entre os días 11 de decembro de 2017 e o 6 de xaneiro de 2018.

Anuncios