Os alumnos do Conservatorio de Gondomar visitan o Pergamiño Vindel

Os alumnos do Conservatorio Elemental de Gondomar tiveron este mércores a sorte de poder cantar xunto ao Pergamiño Vindel, rodeados de historia e arte, nun ambiente máxico, acompañados pola guiterna de construción propia de Eneas Freire e o violín de Héctor Varela González.

Con esta iniciativa o Conservatorio de Gondomar converteuse no primeiro centro especializado en música de toda Galicia en visitar o pergamiño, que contén sete cantigas de amigo compostas polo trobador do século XIII Martín Códax, e que se expón no Museo do Mar de Galicia en Vigo.

Previamente, no mes de outubro, os alumnos do Conservatorio de Gondomar traballaron as pezas musicais escritas en notación medieval nas clases de linguaxe musical, educación auditiva e vocal, coro e orquestra. Un proxecto levado a cabo grazas á Concellería de Cultura, que involucrou a todos os profesores, alumnos, nais e pais do centro de toda a comunidade educativa.

O interese xerado pola presenza en Galicia do Pergamiño Vindel está a superar todas as expectativas, como así o recoñece a dirección do Museo do Mar de Galicia e o constatan os datos. Desde a apertura da exposición o pasado 10 de outubro recibiu preto de 10.000 visitantes. Todo un éxito, segundo apuntan desde o centro museístico vigués.

Ata o de agora, máis de 2.500 escolares visitaron a mostra Pergamiño Vindel. Un tesouro en sete cantigas promovida pola Consellería de Cultura e Educación e pola Universidade de Vigo, baixo o comisariado de Francisco Singul, e que exhibe por primeira vez ante o público galego o manuscrito que contén as sete cantigas de amigo de Martín Códax, seis delas coa notación musical.

En resposta ao grande interese que a mostra esperta entre a cidadanía, a Consellería de Cultura e Educación está a poñer en marcha unha serie de actividades relacionadas coa presenza en Galicia do Pergamiño Vindel, para facilitar o coñecemento deste manuscrito. Entre elas, a celebración de dous obradoiros, un dirixido a escolares e outro a adultos, máis un concurso de tapas que acollerán varios concellos da ría de Vigo.

A música no tempo de Martín Códax

Cómpre destacar que tras a celebración o pasado sábado en Vigo do primeiro dos obradoiros, baixo o título de Pergamiño Vindel e a música no tempo de Martín Códax, a segunda destas citas, que se terán lugar durante todo o mes de novembro, será en Redondela, na illa de San Simón. O barco sae do porto de Cesantes ás 17.00 h. e haberá unha ruta guiada pola illa antes do obradoiro, que comeza ás 18.30 h.

O sábado 18, a cita é na Casa da Navegación de Baiona, ás 18.00 h. e o sábado 25 será a sala de Exposicións do Auditorio de Cangas a que acolla esta actividade, ás 19.00 h. O obradoiro é de balde, pero é preciso inscribirse. Máis información en https://www.cultura.gal/gl/aviso/37774.

As cociñas do Pergamiño Vindel

Baixo o título As cociñas do Pergamiño Vindel, a Secretaría Xeral de Cultura convoca varios concursos de tapas en diferentes localidades da ría de Vigo. A particularidade do certame é que todos os petiscos teñen que estar elaborados con ingredientes que se puideran atopar nas cociñas galegas no medievo.

Así, do 1 ao 10 de decembro serán os establecementos hostaleiros de Redondela e Baiona os que acepten o reto. Os clientes deses locais serán os encargados de xulgar a súa calidade e orixinalidade, ademais dun xurado de expertos que degustará cada unha das tapas a concurso.

Entre o 2 e o 11 de febreiro serán Vigo e Cangas as que acollan o certame, que terá despois unha final provincial para escoller os mellores petiscos de As cociñas do Pergamiño Vindel.

Anuncios