Gondomar pide á APLU a paralización dos expedientes das casas afectadas polo lume

Á vista da catástrofe provocada no Concello de Gondomar pola vaga de lumes acontecidos os días 14, 15 e 16 de outubro, Manifesto Miñor presentará unha moción no Pleno do día 16 deste mes para que a Corporación Municipal, máis alá das declaración institucionais, das actuacións de carácter reparador dos danos, ou da creación de consciencia medio ambiental, entre a valorar tamén outras cuestións que teñen que ver con situacións concretas que lle están a afectar a determinados veciños das parroquias afectadas, e que de non atendelas estaríanse permitindo situacións claramente inxustas.

A vaga de lumes acontecidos nos devanditos días queimaron, en distinta medida, seis das dez parroquias que configuran o Concello de Gondomar (Vilaza, Vincios, Chaín, Morgadáns, Peitieiros e Couso), e que segundo a información transmitida polas CCMM e a propia veciñanza afectada, a superficie queimada podería andar ao redor das 2.500 hectáreas, é dicir, case a terceira parte da superficie total do termo municipal.

As parroquias máis castigadas polos lumes foron, con diferenza, as de Vincios e Morgadáns, chegando o lume ás portas das casas, ardendo hortas, sebes, pechados, alpendres, cortes, vehículos, motores de auga e pozos inutilizados, traídas veciñais estragadas, animais domésticos mortos, etc.

Moitas das vivendas e construcións afectadas polos lumes nesas parroquias teñen abertos expedientes por parte da Axencia da Protección da Legalidade Urbanística, que se encontran en diferentes fases de instrución, incluso algúns deles xa están na vía xudicial por seren denunciados pola propia APLU perante a Fiscalía.

Manifesto Miñor sinala que como é sabido pola APLU, e pola Corporación Municipal, a maioría desas vivendas son legalizables por se encontrar en núcleos rurais tradicionais e perfectamente definidos, en fase de delimitación, e algúns deles xa aprobados provisionalmente polo Pleno do Concello. Unhas vivendas e construción que conxuntamente co resto das que forman os barrios de Piñeiro, Brandufe, Os Casás, A Fraga, Regodagua, Batizosa, Entreviñas, Camiño Branco, Carballás, O Lago, Prado, Vilas… foron nalgúns casos rodeadas polo lume sufrindo danos importantes como xa se dixo.

Á preocupación das familias afectadas polos devanditos expedientes da APLU e das denuncias da Fiscalía, hai que lle engadir agora a angustia de ver as súas vivendas afectadas polos lumes do mes pasado, moitas delas con importantes danos que terán que arranxar coa incerteza do final legal das súas vivendas.

O Concello de Gondomar ten solicitado das administracións competentes no asunto a declaración de Zona Catastrófica do Concello (ou figura equivalente), petición que á vista dos feitos e do drama social creado non dubidan en que será atendida favorablemente, xunto co resto dos concellos afectados de Galicia.

“Dende o Grupo Municipal de Manifesto Miñor temos claro que as consecuencias dos devanditos lumes, e á vista da súa magnitude, xa ninguén dubida da existencia dunha catástrofe medio ambiental, económica, social, e sobre todo humana. Por iso invocamos o recollido no Art. 47 da Constitución Española que reza que ‘todos os españois teñen dereito a gozar dunha vivenda digna e axeitada…”, que como precepto de rango superior, debería prevalecer por riba da apertura de calquera expediente administrativo de reposición da legalidade ou dos supostos delitos contra a ordenación do territorio”, afirma Antonio Araújo.

O Voceiro de Manifesto Miñor subliña que “non sería xusto que a maiores do sumatorio dunha morea de circunstancias desgraciadas para unhas ducias dos nosos veciños, ao final sexa a propia Administración quen acabe rematando coas esperanzas ou cos proxectos de vida daquelas persoas ou familias socialmente máis febles, e en nalgúns casos atrapadas na complexa situación urbanística do Concello de Gondomar á que son alleas. O modelo territorial de Galicia nin se explica, nin sería posible, sen a intervención da xente que o vén habitando e humanizando dende hai máis de 350.000 anos, como está acreditado nas escavacións da Chan do Cereixo, na Portavedra, descubertas hai máis de 30 anos”.

A moción propón que o Pleno acorde dirixirse á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) e á Consellaría de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio (insistindo na excepcionalidade da situación) para que procedan á revisión daqueles expedientes en trámite de reposición da legalidade ou remitidos á Fiscalía, incluídos nas zonas afectadas polos lumes acontecidos nas parroquias e barrios citados, para que se deixen sen efecto, e en último caso para que sexa o Concello de Gondomar quen os resolva, con tempo abondo, a través da delimitación de núcleos como xa o está facendo.

Anuncios