O IES Primeiro de Marzo e o CEE de Panxón estimularán o espírito científico do alumnado

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // IES Primeiro de Marzo.

Un total de 30 centros educativos públicos desenvolverán este curso 2017/18 o ‘Club de ciencia’, unha iniciativa promovida pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria co fin de estimular o espírito científico do alumnado. Esta acción desenvolverase en 15 centros da provincia da Coruña, 4 de Lugo, 2 de Ourense e 9 de Pontevedra.

Tralo éxito da primeira edición, na que participaron 10 centros educativos, este curso os ‘Club de ciencia’ esténdense a un total de 30 centros, dos cales tamén forman parte aqueles que desenvolveron o proxecto o ano pasado. Cada un deles recibirá unha achega económica de 1.200 euros para poder desenvolver a súa iniciativa. .

O obxectivo da mesma pasa por fomentar o espírito científico e a curiosidade do alumnado, o que favorece, en consecuencia, o traballo das áreas denominadas STEM (Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas), unha das prioridades da Consellería de cara aos próximos anos.

Os centros admitidos da provincia de Pontevedra son o CPI Mosteiro-Meis, o IES Politécnico de Vigo, o CPI Aurelio Marcelino Rey García de Cuntis, o CEIP de Laredo de Redondela, o CEP Carlos Casares de Salvaterra de Miño, o IES Salvaterra do Miño, o IES A Xunqueira II de Pontevedra, o IES Primeiro de Marzo de Baiona e o CEE de Panxón en Nigrán.

Aprendizaxe mediante indagación e resolución de problemas

O ‘Club de ciencia’ defínese como un espazo de aprendizaxe non formal baseado nunha metodoloxía de indagación, onde os docentes suxiren diferentes accións enfocadas aos alumnos e alumnas co obxecto de que estes podan dar resposta ás súas curiosidades e aos seus intereses, así como resolver problemas. Neste sentido, a creación deste espazo no centro pode converterse nun escenario propicio para desenvolver estratexias metodolóxicas que promovan capacidades, coñecementos e técnicas que aumenten o interese dos participantes por saber, cada vez máis, sobre diversos campos da ciencia e as súas posibilidades de aplicación na tecnoloxía.

O proxecto ten que desenvolverse fóra do horario lectivo e nos espazos que se consideren ou habiliten do centro docente. Este horario deberá cumprir, como mínimo, unha media de catro horas ao mes, comezando a partir da concesión definitiva do proxecto, ata final do período lectivo do alumnado durante o curso 2017/18.

Anuncios