Sin categoría

Araújo acusa a Ferreira de “falta de vontade” para buscar unha solución á estrada de Telleiro a Esparela

O pasado luns tivo lugar unha xuntanza de voceiros convocada polo Alcalde, Paco Ferreira, entre outros motivos, para presentar o proxecto de beirarrúa na estrada que vai dende O Telleiro até A Esparela, na parroquia de Borreiros. “Hoxe lemos nos medios de comunicación como o Sr. Alcalde rebaixa as expectativas poñendo a venda antes da ferida polo que poida pasar”, apunta Antonio Araújo, Voceiro de Manifesto Miñor.

Para Araújo, o positivo desa xuntanza foi que por primeira vez e despois de que a veciñanza da parroquia o demandase con forza, incluso con mobilizacións na rúa, o Alcalde presentou un proxecto, ou ante-proxecto, no que se poden ver datos de interese, como son as zonas de máis complexidade, as de menos, e as posibles solucións. E obviamente un bosquexo do que poden ser os custes das obras, tamén en función das solucións que se tomen: se hai expropiacións ou non, etc. A parte negativa para Manifesto Miñor foi a evidente e indisimulada vontade do Alcalde de non levar a cabo esa obra, “pois todo era ver dificultades e impedimentos, cando resulta obvio que calquera obra pública os ten”.

“Con todo, o principal ‘impedimento’ que nós vemos ten que ver co feito de que a iniciativa desta obra parte dunha reivindicación veciñal sacada adiante no pleno por Manifesto Miñor co apoio de toda a oposición municipal. É o ‘modus operandi’ do Sr. Ferreira, que non acaba de entender que está en minoría e segue desprezando por sistema todas as iniciativas que veñen dos grupos da oposición sen reparar no beneficio que poida supoñer para a veciñanza”, lamenta Araújo.

Nesa xuntanza, dende Manifesto Miñor, insistiron na necesidade desa obra pola seguridade que lle vai dar á veciñanza de Borreiros habilitando un corredor peonil que remata na Ramallosa enlazándoo cos paseos da costa. “Todos sabemos que a día de hoxe esa estrada está sendo utilizada, sobre todo no verán, como alternativa ao tráfico que vén de Baiona e quere salvar o cruzamento da Ramallosa para dirixirse a Gondomar, a Tui ou a Portugal, a maiores do intenso tráfico que xera a existencia dunha gardería á beira da mesma ou a próxima construción no mesmo lugar dunha residencia para persoas maiores. É dicir, non se trata dun viario interno senón que seu uso transcende á propia parroquia, de aí que ‘racanear’ ese investimento é unha irresponsabilidade política sobre todo cando vemos como se gastan os cartos públicos en Gondomar polo Goberno do Sr. Ferreira”.

“Á vista destas declaracións que amosan as intencións do Alcalde de meter no caixón un proxecto máis que necesario, por parte de Manifesto Miñor seguiremos insistindo para que se execute canto antes, e estamos convencidos que todo isto abrirá o debate na parroquia de Borreiros que seguro que van loitar tamén por conseguilo”, conclúe Araújo.