Sin categoría

O PP de Nigrán pide ao alcalde que explique as “supostas axudas” que ofrece a Deputación polos lumes

Desde o PP de Nigrán piden ao alcalde, Juan González, que explique como se van xestionar as “supostas axudas” de 90 millóns de euros que ofrece a Deputación aos concellos afectados polo lume.

“Os populares e mailos veciños de Nigrán queren respostas. Son moitas preguntas as que nos facemos: cantos cartos destinaranse a paliar os danos ocasionados polos incendios e como podemos solicitalos”, sinala a presidenta local, Mª José Pino. Os populares consideran que da mesma maneira que se coñecen as liñas de axudas que ofrece a Xunta de Galicia e o Estado, sería axeitado que o Alcalde dedicara esforzos e explicara a Nigrán cal é o seu plan de acción.

Esta semana coñeceuse que a Deputación de Pontevedra pon a disposición dos concellos a suma de 90 millóns de euros para axudar aos damnificados polo lume. “E xórdenos outra cuestión, esta suposta “axuda” descóntase do Plan Concellos da que xa eramos beneficiarios?, porque se a cousa vai por esta liña reclamamos que o alcalde Juan González nos informe de cales son os servizos que teremos que sacrificar. Porque se realmente os cartos ten que poñelos o Concello sacándoos do Plan Concellos, máis que darnos unha subvención a Deputación o que estaría facendo sería sacarnos recursos que nos pertencen por lei”.

A presidenta local do PP esixe pronta resposta, “e non debería ser doutra forma cando o Sr. Juan González forma parte do goberno provincial e ten información de primeira man que debería de facer pública para que todos os nigraneses souberan de que axudas dispoñen e como se administran e xestionan, se van a restar ou van a sumar”.

Os populares móstranse perplexos ao non escoitar ningunha declaración por parte do goberno municipal. “Parece que fixeron voto de silencio cando resulta unha información máis que necesaria para todos nós”.

María José Pino asegura que a desinformación é máxima en Nigrán. Declara que na última reunión celebrada en Chandebrito, unha das zonas máis afectadas, os veciños constataban os feitos, era a pregunta sen resposta. “Foron moitas as chamadas as que atendemos para dar algunha explicación”, manifesta a presidenta.
María José Pino aconsella que o goberno municipal determine como prioridade esta cuestión e conteste aos veciños de como lles van axudar, de canto dispoñen e se suma ou si resta.