O PP de Nigrán denuncia “subvencións encubertas” a colectivos afíns por parte do goberno socialista

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Pleno de Nigrán.

O Grupo Municipal do Partido Popular de Nigrán manifesta nun comunicado a súa total desconformidade coa actuación do actual goberno municipal ao conceder e abonar subvencións de forma discrecional e irregular á marxe do procedemento regrado a través de concorrencia competitiva e en igualdade de dereitos aprobado no pleno co seu voto favorable.

O PP de Nigrán asegura que xa nun recoñecemento extraxudicial de crédito do ano 2016 detectouse este procedemento irregular e púxose en evidencia ao actual equipo de goberno, quitando estes transcendencia ao asunto en cuestión, prometendo non volver recaer nese tipo de actuacións arbitrarias.

“Pois ben, sen cumprir en ningún momento con este compromiso, no Recoñecemento Extraxudicial de Crédito que levaron a Pleno o pasado mes de outubro, aprobado soamente co voto favorable do Grupo do PSOE, no informe de intervención púxose en evidencia polo menos a existencia de compromisos de pago de 22 subvencións encubertas por un importe total de 9.864,31 euros”, sinalan os populares.

Debe lembrarse que polo procedemento regulado de subvencións outorgouse este ano unha contía próxima aos 40.000 euros, polo cal cabe destacar que aproximadamente un 20 % do importe gastado en subvencións concedéronse de facto dunha forma polo menos irregular. Por tanto, sen que se cumprira co acordo plenario do procedemento regrado de repartición de subvencións, saltándose ademais a concorrencia competitiva e a aplicación igualitaria dos dereitos e obrigacións para todas as entidades culturais, deportivas, veciñais e sociais do municipio.

Segundo indican desde o PP, do repaso da lista pódese comprobar ademais que a inmensa maioría van dirixidas cara a aquelas entidades/colectivos que máis simpatizan (por usar un eufemismo) co actual Equipo de Goberno. Desta forma, ademais da irregularidade manifesta na repartición destas “subvencións encubertas” existe un agravio maior para aquelas entidades e colectivos que si teñen que acudir á vía formal para obter subvencións municipais e que non reciben ningunha “axuda” do goberno socialista que só acode a colaborar de forma irregular con entidades e colectivos máis afíns.

“Toda a información económica e informes de intervención acabarán como todos os anos no Consello de Contas, que esperemos tome boa nota da actuación arbitraria do actual equipo de Goberno no manexo do diñeiro público e tome as decisións que en dereito procedan”, conclúe o PP.