Bai.senpulgas pide axuda para afrontar o pago de tres cirurxías

FOTO: BAI.SENPULGAS // Andra.

A protectora de animais Bai.senpulgas pide colaboración urxente para operar a Maga, Andra e Boa. Nestes momentos a asociación está en números vermellos e cunha débeda de 2.000 euros en veterinarios, polo que non pode afrontar o pago das tres cirurxías.

Maga apareceu hai unhas semanas co seu irmán por medio da estrada en Priegue. “Uns días despois de recollelos empezamos a ver que levantaba a pata ao camiñar, así que a levamos a revisión. Fixéronlle unha placa, cal foi nosa sorpresa ao ver que tiña 3 dediños rotos. Ao principio parecía que todo era máis fácil, estaban rectos e parecía que con vendarlle a patiña un tempo soldarían sós, pero hai uns días fixémoslle a placa de revisión e xa viron que non. Non lle dan soldado e está incómoda, tenta buscar a súa comodidade e iso estalle facendo torcer a pata. Recoméndannos operala de forma urxente, poñerlle unhas plaquiñas. É unha cachorra, vai facer 6 meses, estar así non lle vai a axudar no seu crecemento, se lle deformará a pata”, sinalan desde Bai.senpulgas. A súa operación é custosa, sobre 700 euros.

Andra é outra das cirurxías que teñen esta semana, ten a cabeza do fémur rota e moléstalle camiñar. O seu custo é de 250 euros.

Boa foi atopada atropelada da autovía Tui-Vigo. Volvéuselle a romper a pata. “Xa nos dixeron que isto podía pasar porque o atropelo que sufriu foi gordo, recuperou perfectamente dunha das patas pero a outra estaba bastante machucada, é na que ten o dano, pois temos que operala canto antes para que non teña dor. Necesita acollida ademais, ten que estar soa e non pode facer esforzos, non pode subir nin baixar as escaleiras”.

Todo aquel que queira achegar calquera cantidade, por pequena que sexa, pode facelo na conta ABANCA ES30 2080 5015 6130 4002 8917, indicando no concepto o nome do peludo, nome completo e DNI.

Anuncios