25 anos de kung-fu en Camos

O ximnasio Di Som de Camos (Nigrán) celebra a tarde deste sábado 4 de novembro o seu 25 aniversario cunha festa dirixida a todos os seus amigos e socios. Fundado en 1992 por José Antonio Portela Rodríguez (7º DAN de Kung-Fu) e Isidro Moreira Pérez (falecido), trátase do club máis antigo do Val Miñor e está dirixido por José Antonio Portela Rodríguez e Isabel Mecca Rodríguez.

As actividades que se imparten son: kung-fu (infantil e para adultos), tai-chi, ioga, acondicionamento físico, fitness e masaxes.

Ao longo destes anos Di Som consolidouse como un dos referentes de Galicia no ámbito do kung-fu pola súa traxectoria e logros obtidos ao longo destes 25 anos en campionatos provinciais, galegos e de España. Ao redor de 100 trofeos obtidos nas diferentes edicións dos campionatos realizados durante este tempo como o Primeiro posto no Campionato de España en Cinto Negro alevín este último ano.

“O noso obxectivo é conseguir mellorar a saúde e o benestar dos nosos clientes a través do exercicio”, sinala José Antonio Portela.

A celebración do 25 aniversario terá lugar no mesmo centro, o día 4 de novembro, entre as 5 e as 8 da tarde e están convidados todos os socios e amigos do club, aos que se estende esta invitación. Haberá para os nenos un inchable e un contacontos e, para os adultos, un viño e un petisco. Ademais, repartiranse obsequios entre todos os asistentes e sortearanse 5 mensualidades na disciplina para elixir.

Anuncios