O Cereixa consegue a vitoria nun vibrante derbi ante o Abetos

FOTO: CEREIXA FS

Vibrante derbi de Gondomar onde os locais foron máis eficaces que os visitantes e quedaron 3 puntos de ouro antes da difícil saída a Verín o próximo fin de semana.

O partido arrancou con dominio do Cereixa FS que subía as liñas e non deixaba combinar ao visitante. Gabriel Denis Vasconcellos sería o encargado de abrir o marcador cun disparo duro e cruzado (1-0).

O guión non cambiou ata o final da primeira metade, cando o Abetos FS decidiu sacar porteiro xogador e acurralar ao locais pero sen o premio do gol. Foi un momento complicado porque co asubío final, Esteban Fernández Figueiras era expulsado e o equipo tiña que volver do descanso con 3 xogadores durante 2 minutos.

Na continuación os 3 xogadores que saíron a pista estiveron perfectos na parte defensiva e o visitante que atacaba con porteiro xogador, non foi quen de aproveitar a vantaxe durante os dous minutos iniciais. É máis, Diego Rodríguez estivo a piques de ampliar vantaxe nun roubo e disparo a portería baleira.

O Cereixa FS saíu reforzado animicamente e volvería golpear cando Edu Rodríguez Pérez culminaba unha xogada individual cun remate cruzado (2-0). Pero o Abetos FS non se rendeu e insistiu co ataque en superioridade ata que finalmente atopou o desconto (2-1). O partido estaba aberto e o local mantiña a defensa férrea esperando a súa oportunidade para matar o partido. Luca despois dun despexe facíase co balón ao bordo da área e pechaba o partido (3-1).

Final e segundo triunfo en casa que permite preparar a visita a Verín con outro enfoque; o local fixo unha boa primeira metade e na segunda estivo moi solidario en defensa para pechar un difícil compromiso xa que o Abetos FS non puxo as cousas fáciles.

O Cereixa FS dedica este triunfo a Pedro Barros Pousada, que estará temporalmente fóra das pistas.

Anuncios