Gondomar envía a Ucraína máis de 15 palets de axuda humanitaria

Máis de 15 palets cargados de axuda humanitaria recollida en Gondomar grazas ás doazóns da veciñanza e o traballo do voluntariado, que durante semanas fixeron provisión deste material nas instalacións do CDL, partiron este martes rumbo a Ucraína dende a Asociación Galega de Axuda a Ucraína (AGA) con sede en Vigo: alimentos non perecedoiros, roupa, medicamentos e material de primeiros auxilios, foron entre outras as numerosas doazóns recibidas. “Dende o Concello queremos trasladar o agradecemento á veciñanza por participar activamente nesta campaña solidaria a prol do pobo ucraíno, así como ao equipo de voluntariado e persoal do Concello que durante dúas semanas estiveron no control, selección e empaquetado das doazóns”, destaca o alcalde, Paco Ferreira.