Ferreira proxecta a ampliación do cemiterio de Vincios cun investimento de máis de 500.000 €

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Cemiterio de Vincios.

O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, encargou o proxecto ao arquitecto Antonio Soliño, para levar a cabo a ampliación do cemiterio da parroquia de Vincios, investimento que superará os máis de medio millón de euros unha vez finalizado.

A ampliación consiste en levar a cabo a remodelación, diminución e impacto visual dos muros perimetrais do recinto existentes, a construción de ramplas de paso e de accesibilidade dentro do propio cemiterio, dous baños adaptados para persoas discapacitadas e a construción de novos nichos repartidos en tres fases de execución.

Na primeira fase construiranse dous baños, as ramplas de accesibilidade, parte dos muros, zonas axardinadas e a construción de 40 novos nichos, que adquirirán os propios veciños da parroquia segundo a repartición equitativa do valor do investimento.

Segundo indicou o alcalde, “os cemiterios do municipio deben adaptarse á nova normativa de sanidade mortuoria e á lei de accesibilidade, ademais de ser dotados de todos o servizos necesarios e mantemento. De feito, os técnicos municipais traballan xa na redacción do prego de condicións para sacar a concurso o mantemento e conservación dos mesmos”, concluíu Ferreira.