Os lumes forestais non afectaron polo momento aos bancos marisqueiros

Tras case dúas semanas realizando inspeccións oculares, a Xunta non constatou afección nos bancos marisqueiros como consecuencia dos lumes forestais polo momento. O Servizo de Gardacostas da Consellería do Mar mantense alerta e seguirá facendo seguimento nas zonas susceptibles de afectación dos seus bancos marisqueiros, próximos a montes queimados, co obxecto de evitar desprendementos, corrementos de terra ou alteración dos cursos fluviais nos vindeiros días, un traballo no que tamén están a colaborar as asistencias técnicas das confrarías de pescadores.

Os gardacostas veñen realizando desde hai dúas semanas de visu polas rías galegas para comprobar que non se producisen corrementos de terras e cinsas que fosen parar ao mar sen detectar anomalías, centrando as inspeccións sobre todo nas desembocaduras dos ríos Miñor e Verdugo. Ademais, o helicóptero Pesca 1 tamén realizou labores de recoñecemento das zonas queimadas para corroborar o seu estado.

Ademais, unha vez se dispoña do cartografado da superficie afectada polos lumes, o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar), porá en marcha o sistema de información xeográfica para priorizar as actuacións correctoras a aplicar.

Todas estas actuacións enmárcanse dentro da mesa de coordinación de accións post-incendios, convocada pola Consellería do Medio Rural e da que tamén forman parte, ademais de Medio Rural e de Mar, a Consellería de Medio Ambiente e a de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

Achegas para danos en bancos marisqueiros

Coa finalidade de estar preparados e dar resposta de xeito áxil e rápido ante o que poida pasar, a Consellería do Mar pon a disposición un millón de euros para reparar danos causados nos bancos marisqueiros derivados dos incendios. Os beneficiarios serán confrarías, organizacións de produtores, asociacións de profesionais do sector, cooperativas ou organizacións constituídas por produtores de base que xestionen ou teñan aprobados plans de explotacións marisqueiras

Esta convocatoria de axudas aplicarase no momento no que se teña constancia de danos. Nese caso e, tras acreditar que os danos se produciron como consecuencia dos lumes, a Consellería ditará unha resolución na que declare os bancos marisqueiros afectados. Esa resolución publicarase no DOG e a partir de aí establécese un prazo dun mes para a presentación de solicitudes.

Así, no caso de que se producise afectación, serán gastos subvencionables os derivados de accións de limpeza, rexeneración, recuperación e acondicionamento dos bancos marisqueiros, adquisición ou aluguer de maquinaria, utensilios e elementos auxiliares para a realización das tarefas. Tamén a compra de semente e area destinada aos bancos marisqueiros e o pagamento aos membros das entidades beneficiarias polas tarefas de limpeza, rexeneración, recuperación e acondicionamento dos bancos marisqueiros.

Anuncios