O pintor Cristino González fixo o venres entrega, na Alcaldía do Concello, dun cadro que representa a baía de Baiona. A obra, un óleo sobre acuarela de 120 x 60 centímetros, xa engrosa o fondo artístico municipal, e vai quedar exposto nun lugar preferente da Casa Consistorial.
“Cando un artista pon a disposición da sociedade unha obra pictórica propia, non está a facer máis que entregarlle unha proba do seu amor e vinculación con ela. Con esta doazón queda trasladado no Concello o amor de Cristino González por Baiona, co que o Consistorio queda enriquecido, pero tamén a historia de Baiona, e a persoal do pintor. O meu agradecemento por esta decisión e entrega”, destacou o Alcalde, Ángel Rodal.
A Fortaleza de Monte Boi, o Parador Conde de Gondomar, Monteferro, as Illas Estelas e as Cíes inspiraron ao autor no seu óleo. Pintor tardío, tal e como se define, estudou co recoñecido Mingos Teixeira e agora busca paisaxes mariñas que lle sirvan de inspiración. Tras recibir o encargo de expoñer en Baiona, decidiu pintar a baía e esa obra cedela ao Concello.
“Decidín ceder as miñas obras en agradecemento ao excelente trato que me deron tanto o Concello de Baiona como a Confraría de Pescadores cando puiden expoñer na Capitanía Marítima”, explica o autor tras entregar o cadro e as imaxes. Cristino González, asturiano de nacemento e vigués de adopción, foi o protagonista da mostra que estivo aberta desde o 15 ao 30 de xuño na Capitanía de Baiona.
“Estamos moi agradecidos a Cristino pola súa xenerosidade e buscaremos o lugar apropiado para que as súas obras poidan lucir aos ollos de todos os baioneses”, apuntou a concelleira de Cultura, María Iglesias.
Ademais do óleo sobre acuarela, o pintor tamén decidiu regalar sete fotografas á Confraría de Pescadores en agradecemento igualmente á colaboración prestada durante a súa mostra e as imaxes serán expostas na Casa-Museo da Navegación de Baiona. “Son tamén afeccionado á fotografía e puiden retratar ás mariscadoras no propio porto e na praia da Ladeira, polo que me parecía apropiado que elas tivesen no seu poder algunha das fotos”, engade Cristino.
Cristino González descubriu, primeiro a pintura e logo a fotografía, por casualidade, cando se expuxo buscar unha actividade que lle servise para aliviar a síndrome de ansiedade que padece como coidador dunha persoa dependente e é que detrás das vivas cores que saen da súa paleta latexa unha historia de superación e de loita.

