Sin categoría

O 56º Recalvi Rías Baixas supera o centenar de inscritos

Unha vez máis, os principais equipos que compiten na Copa de España de Rallyes de Asfalto (CERA Recalvi) e algúns dos de referencia en Galicia acudiron á chamada do Rallye Rías Baixas. Na súa 56ª edición a proba viguesa contará con 104 participantes que prometen espectáculo do bo, tanto na clasificación xeral como en cada unha das copas e trofeos que se poñerán en xogo.

A vitoria na xeral do “Rías” venderase cara. Son varios os equipos que aspiran a ela. Álvaro Muñiz, aos mans dun Skoda Fabia R5 co que compite esta tempada, acode á proba viguesa coa intención de defender o liderado da Copa ao que se levantou tras a súa vitoria no Rallye do Cocido, aínda que consciente de que non o vai a ter fácil. E é que, sen dúbida, a referencia e o espello ao que se van a mirar todos é Jose Antonio “Cohete” Suárez. O asturiano correrá tamén o rallye vigués e aínda que o seu obxectivo está posto no Supercampionato de España de Rallyes (SCER) do que é actual campión en título, todo apunta a que será o rival para bater polas estradas do sur da provincia de Pontevedra. O Rías Baixas é o rallye de Recalvi, o seu principal patrocinador e, a bo seguro, espremerá a fondo o seu Skoda Fabia RS Rallye2 para poder alzarse co triunfo.

Outros equipos que confirmaron a súa presenza no “Rías” e que prometen dar guerra son os capitaneados por Óscar Palacio, un habitual e gañador tamén do CERA Recalvi, e Jorge Cagiao que sairá co seu espectacular Alpine A110 R-GT, un vehículo de tracción traseira co que pode pelexar por un posto do podio se as condicións meteorolóxicas manteñen o asfalto seco. Con ese mesmo obxectivo tomará a saída no rallye, Alberto Meira. O gondomareño é outro dos pilotos moi a ter en conta. Volve ao Rías Baixas e a unha proba do nacional. Corre en casa, diante da súa xente e en tramos que coñece á perfección, así que a motivación será máxima para o do Skoda. Situación similar á que vive o piloto de Salceda de Caselas Jorge Pérez, aos mandos do seu Suzuki Swift Rally S.

A armada dos espectaculares GT complétase cos Porsche de dous equipos locais, Jorge Pérez e Jose Carlos Figueiras.

Copas e trofeos

Espectacular promete ser tamén a loita entre os vehículos históricos que puntúan para o recentemente creado Trofeo Galicia Historic, destinado a coches de competición fabricados entre os anos 1971 e 2000. Dentro desta categoría confirmaron a súa presenza pilotos da talla de Javier Carracedo, Jesús Ferreiro, Fernando Rico, Miguel Millaros e Pablo Pazó, entre outros. Carracedo chega ao Rallye Recalvi Rías Baixas tras ser o máis rápido no “Cocido”.

O BMW3 de Rico foi segundo e Ferreiro terceiro, co seu novo Ford Escort RS MKII. O Millares, pola súa banda, volve competir tras varios anos afastado das carreiras, e nesta ocasión aos mandos dun atípico Mercedes Benz 190 que, con todo, traerá máis dun recordo aos afeccionados máis veteranos do rallye. Entre os pilotos de casa, as miradas centraranse unha vez máis en Pablo Pazó que na pasada edición do Rallye Recalvi Rías Baixas coouse entre os dez primeiros da clasificación xeral aos mandos do Talbot Sunbeam Lotus.

O 56º Recalvi Rías Baixas acollerá ademais a segunda edición do Rallye Solo Renault Group e será puntuable para os certames xa habituais; Challenge Recalvi – Trofeo Michelín – Trofeo MRF, Clio Trophy Spain, Dacia Sandero Rallye Cup e Desafío Kumho Asfalto.