O baionés Adrián Malheiro visita o “Luar” da Televisión de Galicia

O popular programa da Televisión de Galicia presentado por Xosé Ramón Gayoso, “Luar”, recibirá hoxe a visita de Adrián Malheiro. O novo piloto baionés acudirá co seu kart despois de proclamarse Campión de Portugal Cadete, Campión de España Alevín, vencedor da Taça de Portugal e Campión das Series Rotax 2017 na categoría Rotax Micro, conquistando a cualificación para a Final Mundial Rotax, que se celebrará do 4 ao 11 de novembro no Kartódromo Internacional do Algarve.

Adrián Malheiro Suñe é natural de Baiona aínda que na actualidade reside en Tui. Fillo de pai portugués e nai española, empezou a practicar cunha pequena motocicleta cando só tiña dous anos. Máis tarde comezou a adestrar nas pistas de Porriño cunha Polini GP3.

Despois pasouse aos karts, creándose entón o Team Erizana, para ensinar e seguir a Adrián na súa progresión, e alugando un box permanente nas pistas de Porriño para que o pequeno piloto puidese adestrar. Case de inmediato comezou a participar en eventos en Galicia e Portugal.

Con 10 anos de idade, conta no seu palmarés con máis de 30 podios en categorías nacionais en Portugal. Campión das Series Rotax 2014, 2015, 2016, Campión Nacional de Portugal 2016, Campión Copa Mollo 2014, 2015, foi fichado no principio do ano por Praga España Motorsport para correr no Campionato de España 2017 na categoría Alevín.

Anuncios