Este venres faleceu Manuel Quintas Vergara aos 76 anos de idade. “O Ferreiro” de Sabarís era a quinta xeración dunha familia de ferreiros, aínda que a súa creatividade levouno a realizar tamén pezas artísticas en pedra ou cobre que, exceptuando os encargos, sempre fixo “sen cobrar un duro” e nos seus intres libres, doándoas a asociacións, parroquias, concellos, colectivos, etc.
Multitude de mostras do seu traballo pódense contemplar ao longo e ancho da comarca do Val Miñor. Monumentos dedicados a mariñeiros, cazadores ou doutores, a “Fredo”, utillero do Erizana, as imaxes da Virxe do Carme no Paseo de Monte Boi ou as de San Roque en Vilariño, para conmemorar o centenario da Parranda de San Pedro, Santa Cristina en Sabarís e Santa Mariña en Baíña, onde tiña o seu taller.
Tamén son obras súas a Virxe do Pilar e o Garda Civil do Cuartel de Baiona, polas que era Garda Honorífico e Medalla ao Mérito da Garda Civil. A réplica da Virxe da Rocha en Bouzas-Trigas, o monumento dedicado a Gonzalo Torrente Ballester na Ramallosa, a reparación do valo da Igrexa de San Fiz en Nigrán ou a figura do cazador situada no parque da Palma, a súa preferida, realizada en memoria do seu pai.
“O Ferreiro” tamén participaba anualmente na Festa da Arribada, onde elaboraba pezas de cobre que posteriormente regalaba, mostrando a veciños, visitantes e turistas a antiga arte do forxado a lume.

