O lume afectou a unhas 3.000 hectáreas de monte no Val Miñor

FOTO: MANCOMUNIDADE DE MONTES DO VAL MIÑOR // Reunión da Mancomunidade de Montes do Val Miñor.

O mércores día 24 de outubro tivo lugar a asemblea da Mancomunidade de Montes do Val Miñor en Vincios, onde se valorou a vaga de lumes que afectou de xeito gravísimo a toda a comarca na fin de semana do día 15 de outubro.

Despois de facer un repaso da situación actual, con aproximadamente unhas 1.500 ha queimadas nos montes comunais do Val Miñor, afectando ademais a outras tantas hectáreas de monte privado, cualificaron dunha enorme afección ao ser destruído o esforzo e as ilusións da veciñanza comuneira a causa da devastación irreparable da superficie de monte comunal como consecuencia do lume.

Logo dunha extensa exposición e debate recolléronse as reclamacións e esixencias de todas as comunidades, que se resumen na reclamación dun cambio de política para o monte e na solicitude de apoio á Xunta de Galicia, en mecanismos que permitan restaurar as superficies queimadas e o funcionamento das comunidades. Unha vez redactadas as propostas serán remitidas á Consellería do Medio Rural solicitando unha xuntanza coa conselleira para expoñer a grave situación.

Agradeceron a canalización dos equipos de voluntariado da asociación ecoloxista ADEGA que se puxo a disposición das directrices da Mancomunidade a través da Organización Galega de Comunidades de Montes en Man Común. Así coma o apoio de boa parte da sociedade, tanto na extinción do lume como nas mostras de solidariedade, mais solicitan que non se leven a cabo iniciativas individuais nin se acceda aos montes queimados dado o risco que ten a súa delicada situación.