A Xunta destinará 40.000 euros a dotar de mobiliario a Biblioteca e o Arquivo Municipal de Baiona

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria destinará 40.000 euros a financiar a compra do mobiliario para as renovadas instalacións da Biblioteca Municipal de Baiona, ao abeiro do convenio autorizado hoxe polo Consello da Xunta.

Cómpre salientar que esta biblioteca conta con fondos especiais, como o da Arribada, creado en 2012 para catalizar os estudos vinculados con Baiona e co descubrimento de América. Deste xeito, as novas instalacións albergarán o maior arquivo histórico da comarca e un dos máis importantes de Galicia neste ámbito. Ademais, ofrecerán unhas mellores condicións para custodiar a sección do patrimonio bibliográfico que alberga o centro e que tamén foi creado en 2012 con dúas coleccións, a Biblioteca Ángel Bedriñana e a colección das publicacións históricas con que conta o fondo total da biblioteca.

Cómpre sinalar, ademais, que a Biblioteca Municipal de Baiona se atopa no emblemático edificio Sancti Spiritus, do século XVII, polo cal as renovadas instalacións conxugarán a xoia patrimonial que supón o edificio en si e a cultural da documentación que acolle.

Este investimento enmárcase na liña de actuacións impulsada pola Consellería, a través da Secretaría Xeral de Cultura, para a mellora das instalacións bibliotecarias de Galicia e, en xeral, dos centros que levan a cabo unha programación cultural estable en todo o territorio.

Anuncios