Nova sesión de “Unha tapa con Carlos Casares” en Gondomar

FOTO: LIBRARÍA LIBRAIDA // 6ª sesión de "Unha tapa con Carlos Casares".

Como todos os últimos xoves de cada mes, a Libraría Libraida e a Taparía A Galiña de Ardora de Gondomar organizan “Unha tapa con Carlos Casares”, unha perfecta maridaxe entre a literatura e a gastronomía para homenaxear ao escritor ao que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas e moi vinculado á comarca do Val Miñor.

O acto, que comezará ás 20:30 horas, está dividido en dúas partes. Na primeira, unha persoa convidada achega aos asistentes unha das obras de Carlos Casares, e na segunda, comparten unha lectura de texto escollido e recollido na Marxe, o dietario persoal que Carlos Casares escribiu para La Voz de Galicia desde 1992 ata 2002, mentres degustan unha tapa na taparía. Nesta ocasión “Cambio en tres” comentada por Manuel Forcadela e “10 lecturas compartidas con tapa”.

A violencia diaria, exercida de pais a fillos, de homes a mulleres, entre compañeiros; a dureza da vida, primeiro nas cidades e despois no estranxeiro; e a falta de expectativas durante os anos centrais da ditadura. Con estes elementos compuxo Carlos Casares “Cambio en tres”, unha das súas obras máis experimentais, que entroncou no seu día coa prosa europea de vangarda.

Escrita coma un torrencial monólogo interior, a obra é orixinal desde a mesma estrutura dos capítulos e a composición tipográfica de moitas das páxinas máis reflexivas. “Cambio en tres” arranca co regreso a Galicia dun emigrante para enterrar un compañeiro e retrata a súa amizade desde a infancia ata a súa vida en Francia.