Ángel Rodal reúnese co Xefe Territorial de Educación para falar da cuberta do IES Primeiro de Marzo

O alcalde de Baiona, Ángel Rodal, no seu compromiso cos veciños e veciñas, reuniuse de urxencia esta mañá co Xefe Territorial de Educación da Xunta de Galicia, César Pérez Ares, e varios técnicos do departamento no edificio da Xunta de Galicia en Pontevedra.

O rexedor desprazouse á capital da provincia para manter esta reunión e aclarar dunha vez por todas o que está a suceder no instituto Primeiro de Marzo, onde o temporal “Helena” provocou a semana pasada que se desprendesen chapas da cuberta, anomalías das que Ángel Rodal ten constancia de que se están reparando a través da Xunta de Galicia como responsable da instalación.

O alcalde solicitou a presenza dos técnicos no centro para valorar como van os traballos e as actuacións que se están acometendo nestes momentos, xa que se estaba dicindo que solicitaran a reforma da cuberta do centro a través da dirección do mesmo e o concello non tiña constancia deste feito.

“Polo visto ocorreu un mal entendido nos comentarios á prensa porque confundiron os termos e en realidade o que solicitaran desde o centro era a reforma da fachada e nunca da cuberta, cousa que xa se me confirmou por parte da dirección do instituto Primeiro de Marzo”, sinala o alcalde.

Ángel Rodal quere tranquilizar a todas as nais e pais con respecto á seguridade da instalación e por este motivo, quere que sexan directamente os técnicos os que informen á dirección das actuacións que se están levando a cabo.