Gondomar convoca este sábado a asemblea de constitución do grupo de voluntariado medio ambiental

A Concellería de Medio Ambiente do Concello de Gondomar convoca este sábado 28 de outubro a asemblea aberta de constitución do grupo de voluntariado medio ambiental. Será ás 20:00 horas no Centro Neural, para ver como organizar esta marea voluntaria, liñas de actuación, atender as continxencias derivadas da recente vaga de lumes, etc.

“Quixera agradecer publicamente a xenerosidade e a resposta a participar na creación dun voluntariado medio ambiental no concello de Gondomar por parte de ducias de persoas de todo tipo e condición que xa se anotaron ou que anunciaron a súa intención de facelo (imos polas 150). Reconforta ver como ducias de persoas dunha maneira desinteresada e altruísta están dispostas a empregar o seu tempo, e en moitos caso os seus coñecementos, en tarefas de defensa do Medio Ambiente”, subliña Antonio Araúxo.

“Coa deriva medio ambiental que leva o planeta por mor da ambición depredadora duns poucos, o activismo medio ambiental é máis necesario que nunca. En realidade é a única ferramenta que temos os cidadáns para cambiar a tendecia e evitar males maiores”, conclúe o concelleiro de Medio Ambiente.

Anuncios