A empresa operadora do satélite de observación terrestre Deimos-1 fixo públicas este luns dúas imaxes que mostran a provincia de Pontevedra antes e despois dos voraces incendios forestais que a arrasaron o pasado domingo 15 de outubro.
Desde o espazo é visible o alcance dos danos causados polo lume incontrolado. Ao comparar unha imaxe do 4 de abril con outra realizada este domingo, 22 de outubro, obsérvanse as cicatrices producidas polas chamas, e que causaron tres vítimas mortais na comarca de Vigo, dúas en Chandebrito e unha en San Andrés de Comesaña.
Na última fotografía pódese apreciar claramente o rastro dos incendios forestais que comezaron na parroquia gondomareña de Morgadáns e que continuaron cara a Vincios, Chandebrito, Fragoselo e San Andrés de Comesaña ata alcanzar a cidade de Vigo.
Tamén son visibles os danos sufridos en Mos, Redondela, Ponteareas, Pazos de Barbén, Salvaterra de Miño ou As Neves. Menos evidentes, aínda que tamén se aprecian, son as cicatrices do lume en zonas como Baiona ou Oia.

