As obras da travesía de Baiona estarán finalizadas antes de Nadal tras un investimento de 500.000 €

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, xunto co delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, e o alcalde, Ángel Rodal, destacou hoxe a aposta do Goberno galego por “abrir Baiona ao mar” a través da mellora da travesía deste municipio, que supón un investimento de medio millón de euros e estará finalizada a finais de novembro.

Vázquez Mourelle explicou que se trata dunha actuación moi completa que ademais de incrementar a seguridade viaria e favorecer a mobilidade neste treito da estrada, supón a mellora de toda a contorna, dotando aos veciños e aos visitantes dun novo espazo para o desfrute.

Na travesía de Baiona, a actuación proxectada recolle a mellora do firme e a execución dunha nova glorieta de 28 metros de diámetro para mellorar o acceso á lonxa e ao porto pesqueiro. Os traballos de reparación do firme nun treito de 3 km xa se acometeron antes do verán, pero no mes de xullo, atendendo a solicitude do concello, suspendéronse temporalmente as obras para evitar afectacións ao tráfico na época que este municipio rexistra a maior afluencia de turistas.

A comezos de outubro retomáronse as obras de construción da nova glorieta para favorecer as entradas e as saídas ás instalacións da lonxa e do porto pesqueiro desde a estrada autonómica e conseguir unha reordenación do tráfico na travesía, ao permitir realizar a manobra de cambio de sentido con total seguridade.

Este proxecto tamén contempla a ampliación dun treito da estrada para acondicionar unha zona destinada a paradas de taxis e de autobús, mantendo a continuidade co itinerario peonil e ciclista existente e construíndo zonas de estancia e recreo para os viandantes, incluíndo un miradoiro duns 500 metros cadrados que permitirá contemplar a Fortaleza de Monte Real e a baía. Desaparecerá así a fileira de colectores que actúa como barreira visual, renovarase a iluminación pública e colocaranse novos puntos de luz e dotarase o espazo de mobiliario urbano e zonas axardinadas.

Sendas peonís e ciclistas

A titular de Infraestruturas indicou que paralelamente tamén se está avanzando na execución dunha senda peonil e ciclista nesta mesma estrada, na PO-552, concretamente, a do Paseo Marítimo, ao longo dun treito de 250 metros. Para isto aprovéitase o paseo xa existente, parte da beiravía e da plataforma empedrada que se atopa a un nivel superior, para construír un novo itinerario, pola marxe dereita da estrada, que permita dividir o tráfico peonil e ciclista.

Estes traballos, aos que se destinan preto de 184.000 euros, iniciáronse a comezos do mes de outubro e estarán finalizados antes de finais de ano. Esta senda, xunto coa proxectada no treito da praia de Santa Marta, en cuxo proxecto se está traballando para adecualo ás especiais características da zona para minimizar o seu impacto, dará continuidade ao carril bici existente.

O alcalde de Baiona, Ángel Rodal, apuntou que “pretendemos reordenar a zona para abrir Baiona ao mar, deseñamos unha alameda de 500 metros cadrados onde ata agora era un punto negro de colectores e estamos a ampliar en 250 metros o carril-bici ata Alfonso IX. Crearemos unha nova zona de desfrute para os veciños que contará con zona verde e conseguimos un obxectivo fundamental, o de mellorar a mobilidade, de vehículos e peóns, á vez que melloramos a imaxe da nosa vila que é unha referencia turística”.