“Sentímonos orfos dos nosos gobernantes, que nos deixaron sós ante o lume e o perigo”

Unha semana despois de que os incendios forestais arrasasen a comarca do Val Miñor, preto de medio milleiro de persoas concentráronse este domingo no Parque da Palma de Baiona, convocados polos veciños e veciñas do barrio da Anunciada, coñecido popularmente como Corea.

Entre os asistentes podíanse ver multitude de carteis con mensaxes como “Non é o mesmo morrer que matar, non é o mesmo arder que queimar”, “Sen bandeiras, sen cores, unidos polos mesmos valores”, “Menos día do turista e máis brigadistas”, “Baiona non chora, ¡¡traballa!!”, “En memoria dos falecidos no domingo negro”, “Non queremos monumentos, queremos recursos”, “Galiza vístese de luto”, “Non máis eucaliptos”, “Todos unidos rexurdiremos das nosas cinzas” ou “Menos bandeiras, máis mangueiras”.

Lorena Cabral foi a encargada de ler o manifesto:

Os veciños e veciñas seguimos desolados unha semana despois do sucedido o pasado domingo no noso pobo e en particular no noso barrio, o Barrio da Virxe da Anunciada. Non nos queremos esquecer das persoas falecidas, toda a nosa solidariedade para cos seus familiares. A súa pena é a nosa pena tamén.

Hai unha palabra que define ese día, solidariedade. A solidariedade de centos de persoas que se tiraron ao lume a peito aberto e con toda a alma para evitar unha catástrofe de maior magnitude, salvando as nosas vidas, casas e con elas nosas pertenzas e recordos.

Grazas, grazas e mil grazas a todas as persoas que sen pensar nas consecuencias de poñerse ante o lume estiveron a nos axudar ese día.

Ante o lume os humanos o que sentimos é impotencia e desesperación. E esa impotencia e desesperación crece cando comprobas que como non saques os caldeiros e as mangueiras de casa para atallar o lume, arde todo.

Pero cando chegou ese momento e miramos para atrás, comprobamos que centos de persoas, veciños de Baiona ou non, que non sabemos de onde saía tanta xente, estaban ao noso lado loitando contra o lume conseguindo que o lume non pasase.

Grazas, grazas e mil veces grazas.

O vivido ese negro día vai quedar para sempre na memoria de todos e todas os que o vivimos en directo e tamén para os que non estiveron e seguírono con desasosego polas redes sociais e prensa.

Por iso queremos gritar alto e claro “Lume, Nunca Máis”.

Nós non sabemos, e tampouco é o noso traballo saber se isto é obra dun pirómano, un terrorista ou como queirades chamarlle, para iso xa está a policía, os xuíces e os políticos, pero o que si sabemos é que isto non debe volver pasar.

“Lume, Nunca Máis”.

Ese día sentimos orfos dos nosos gobernantes, que nos deixaron sós ante o lume e o perigo, por iso esiximos, a quen ten a responsabilidade de facer que isto non volva pasar, que fagan balance e reflexionen, para que se por desgraza volvemos pasar por algo así, non sexa como ese día que sentimos abandonados polos que teñen a obrigación de velar por nós.

Os nosos impostos teñen que servir para algo máis que para grandes obras que non necesitamos, senón para poder vivir tranquilos, sabendo que nun momento de emerxencia, quen nos goberna, vai estar para solucionala, e non deixarnos abandonados á nosa sorte.

Pero onde faltou organización dos gobernantes, houbo solidariedade, e desta saímos con máis forza e orgullos de nós mesmos por gañarlle a batalla ao lume, e orgullosos da nosa mocidade, tantas veces criticada, que ese día envorcouse sen pensalo. Os mozos son o futuro e con estes mozos imos chegar moi lonxe.

Grazas, grazas e mil grazas, sen vós non o conseguíamos.

A paisaxe que nos queda por mirar durante un longo tempo é desoladora, por iso tamén queremos manifestar a nosa preocupación porque nun futuro cóidense máis os nosos montes, mantéñanse limpos e libres de obstáculos que impidan que nun caso de emerxencia podamos acceder ou escapar por calquera sitio. E isto é traballo das Comunidades de Montes e dos propietarios dos montes, a quen lle pido que poñan máis empeño en prevención e limpeza para evitar estes desastres, sobre todo á beira das zonas habitadas.

Pero por encima de todo, o motivo desta concentración é agradecer a axuda que recibimos, non nos imos a cansar de dar as grazas as veces que faga falta. Sen vós non fose posible salvar as nosas casas.

A natureza que nos rodea é un ben prezado e que temos que deixar para as xeracións futuras nas mellores condicións, polo que non nos podemos permitir o luxo de que desapareza baixo o lume.

E para terminar, grazas, grazas mil grazas a todos.

“Lume, Nunca Máis”.