Os tres centros educativos de Panxón únense para fomentar a doazón de sangue

O xoves 30 de marzo unha unidade móbil de doazón de sangue estará no recinto escolar do CEE de Panxón e do CPI Plurilingüe Arquiecto Palacios, en horario de mañá desde as 10:00 ata as 14:30 horas e de tarde de 16:00 a 21:00 horas. As persoas que doen serán convidadas a un aperitivo elaborado polos alumnos do CEE de Panxón. Este proxecto educativo, fundamentado no aprendizaxe servizo, está organizado polo CEE de Panxón, a EEI As Dunas e o CPI Plurilingüe Arquitecto Palacios, e busca ter impacto significativo na contorna cun público real, que serán todas aquelas persoas que se acheguen a doar o vindeiro xoves. Esperan alcanzar o medio centenar de doazóns.

O Val Miñor rexistrou 1450 doazóns de sangue no ano 2021

Na comarca do Val Miñor realizáronse, durante o ano 2021, un total de 1450 doazóns de sangue, sendo Nigrán o concello con maior número de doazóns totais, con 643, e a maior taxa, con 36 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano.

MUNICIPIO DOAZÓN 2021 POBOACIÓN TAXA DE DOAZÓN
Nigrán 643 18.0005 36
Baiona 381 12.286 31
Gondomar 426 14.920 29

Grazas á cidadanía da comarca do Val Miñor que doou sangue durante o ano 2021, puidéronse realizar 725 intervencións cirúrxicas, 145 transplantes de órganos ou transfusións de plaquetas a 145 enfermos oncolóxicos. Estas doazóns de sangue contribúen a manter a actividade sanitaria dos hospitais de Galicia e resultan imprescindibles en procesos de transplantes, certas intervencións cirúrxicas e tratamentos oncolóxicos. Os hospitais galegos precisan entre 400-500 doazóns de sangue cada día. Por iso, pódese doar nalgunha das dez unidades móbiles que percorren diariamente os concellos de Galicia ou nalgún dos sete puntos de doazón das principais cidades galegas.

Doar é moi sinxelo e seguro

Pode doar sangue calquera persoa maior de idade, que pese máis de 50 quilos e que non padeza nin teña padecido enfermidades transmisibles polo sangue. A doazón de sangue é un acto sinxelo que permite a moitas persoas solucionar o seu problema de saúde e mesmo salvar vidas. Ademais, sinalar que sempre están presentes as máis rigorosas medidas de seguridade.

Para máis información, ADOS dispón do sitio web http://www.ados.sergas.gal, as redes sociais, e o teléfono gratuíto de información 900 100 828, para resolver calquera dúbida relacionada coa doazón de sangue ou coñecer a data dos desprazamentos das unidades móbiles.