Luis Villares e Paula Quinteiro visitan Gondomar para coñecer a súa situación tras os lumes

CABE, como marea local dentro do proxecto En Marea, organizou este sábado unha xuntanza no Centro Cultural de Vincios co seu voceiro nacional Luis Villares e a súa deputada Paula Quinteiro para que coñeceran de primeira man a situación no concello tras a vaga de lumes.

Ademais de visitar algunha das zonas máis afectadas, xuntáronse con representantes de comunidades de montes, comunidades de augas, centros culturais e outras entidades, ademais de con veciñas e veciños afectados, e expuxéronlles, entre outras cousas, o abandono e falta de medios que se sufriu durante os lumes, e o desleixo que seguen a sufrir, unha semana despois, por parte da Xunta de Galicia.

Tamén falaron de iniciativas que se poderían levar a cabo nos próximos días e a máis longo prazo para paliar a situación actual e evitar que algo como o que estamos a sufrir volva ocorrer.

Anuncios