
A compañía galega GamersWalk, con sede en Oleiros, converteuse nunha referencia internacional no campo dos e-Sports e mostrará todas as súas posibilidades de negocio e entretemento aos asistentes ao IV Encontro AGEO para a competitividade do sector, que se celebra o próximo 26 de outubro no Parador de Baiona.
Na súa masterclass, que leva por título “E-Sports. Unha oportunidade para o sector do xogo”, os CEO de GamersWalk, Manuel Alexandre Rivas e Alberto Lamas, realizarán unha análise de mercado, cifras de negocio e economía real nun sector á alza, ademais de detallar fórmulas de explotación.
Os deportes electrónicos son unha industria en alza que, segundo cifras da consultora Newzoo, conquistaron durante este ano a 386 millóns de espectadores en todo o mundo, 3,7 millóns en España, nunha tendencia alcista que apunta a 590 no horizonte 2020.
Contidos formativos, mesas de debate e exposición
A Asociación Galega de Empresas Operadoras, presidida por Serafín Portas, ultima os detalles do IV Encontro AGEO para a competitividade do sector, no que se darán cita as personalidades máis representativas da industria do xogo. No evento, coñecido como o Cume Galego do Xogo, haberá tempo para a formación especializada en forma de masterclass e mesas de debate.
Nas masterclass, ademais de GamersWalk, participarán o avogado e asesor xurídico de AGEO, Santiago Moreno, que analizará a Lei de Garantía da Unidade de Mercado e o seu impacto no sector, e do experto en Márketing Juan Carlos Alcaide, que explicará fórmulas de fidelización de clientes en locais de xogo.