Deporte e solidariedade no Pavillón de Panxón de man do CB Nigrán

O CB Nigrán presentou onte aos seus equipos nun acto solidario que se celebrou no Pavillón Municipal de Panxón, un acto no que ademais de presentar a todos os seus equipos e escolas, recolleron auga, leite e alimentos para as familias afectadas polos incendios que arrasaron de forma especial ao Concello de Nigrán. Cada un dos 9 equipos que competirán esta tempada en liga federada e as escolas deportivas que o club ten nos colexios de Nigrán desfilaron pola pista antes de facer a foto de equipo.

Despois do desfile tomou a palabra o presidente do Club, Enrique Villar, para render unha homenaxe a todas as persoas que colaboraron na extinción dos incendios e agradecer o seu titánico labor. Todos os asistentes ao pavillón deron un profundo abrazo para dar paso ao momento máis emotivo da xornada, un minuto de silencio en recordo ás 4 vítimas acompañados da Negra Sombra na voz de Luz Casal.

A continuación, os máis de 100 xogadores e xogadoras do club pousaron na bancada xunto aos seus adestradores para realizar a foto final de grupo.

Para pechar o acto, o Club Patinaxe Eixo de Gondomar realizou catro exercicios individuais que puxeron broche a unha xornada chea de deporte, solidariedade e emoción para todos os asistentes.