Alberto Meira viaxa esta semana a Lugo para disputar o Rali San Froilán

O piloto de Gondomar, que pelexa por revalidar o seu título de Campión Galego, afronta este próximo fin de semana unha carreira de importancia crucial: o Rali San Froilán, unha das citas senlleiras do rexional galego, onde a lista de inscritos promete ser fabulosa, dado o amplo abanico de posibles candidatos á vitoria.

O Rali San Froilán, cita que se converteu na penúltima proba da tempada, despois da anulación do Rali Ría de Vigo, e á que o campionato galego chega cunha clasificación sumamente apertada: tras as seis primeiras citas, Alberto Meira ocupa a segunda posición no campionato, a 22 puntos de distancia respecto de Iago Caamaño, e cunha vantaxe de 29 ante Víctor Senra. Estes tres pilotos son os grandes candidatos á loita polo título, pero non hai que esquecer que en Lugo estarán presentes Sergio Vallejo, Adrián Díaz ou Jorge González «Rantur», que tamén saben o que é gañar carreiras no campionato galego, e que se unirán á terna de favoritos ao triunfo.

Meira vaticina que «será entretido para os afeccionados, e para nós mesmos, vivir un rali con tantos contendentes á vitoria, por exemplo xa foi o pasado Rali Ribeira Sacra, onde creo que estivemos á altura, pelexando por gañar ata que fallou un palier. O San Froilán sempre é un rali complicado, e os seus tramos adoitan presentar grandes variacións, moitos cambios de asfalto, que che obrigan a adaptar o ritmo continuamente. Os pneumáticos van ser un factor importante, e nese sentido creo que os Pirelli que empregamos teñen unha gran versatilidade, para ofrecer un rendemento bo aínda que varíen as condicións atmosféricas. O ano pasado pasámolo moi ben en Lugo, pelexando pola primeira praza contra Sergio Vallejo. Este ano encantaríame tomarlle o desquite, pero non vai ser fácil, tanto el como Senra, Caamaño ou Adrián Díaz son rivais que van poñernos as cousas moi difíciles».

Durante o venres 27 de outubro, na céntrica Avenida de Ramón Ferreiro de Lugo, terán lugar as preceptivas verificacións dos vehículos participantes, pero será ao longo do sábado 28 cando se dispute enteiramente a carreira, con catro tramos previstos para disputarse a dobre pasada, e uns 94 quilómetros de loita contra o crono. Pola mañá celebraranse os tramos de «Outeiro de Rei-Bonxe» (ás 8h44 e 12h17) e «A Valiña-Pol» (9h24 e 12h57) e pola tarde será a quenda de desprazarse ao sur para competir en «Láncara» (17h30 e 21h05) e «Goián» (18h23 e 21h58).

Anuncios