Cantares do Brión comeza a gravación do seu segundo disco

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

Este sábado, 21 de outubro, Cantares do Brión comeza a gravación do seu segundo CD. Nunha primeira fase a gravación realízase nos estudios que Ancestral ten na parroquia de Xustáns, en Ponte Caldelas. A pesar do nome do estudio, a primeira peza a gravar será unha ben actual: «Unha mañá de setembro», composición de Mª Xosé Silvar «Sés». A harmonización para coro é de Isabel Mouzo.

Neste novo CD incluiranse as pezas máis relevantes estreadas polo coro desde 2013, ano da gravación de «Arruídos», nome do primeiro CD que tivo unha excelente acollida de crítica e público.

Varias parroquias de Ponte Caldelas coñeceron tamén os lumes catastróficos da pasada fin de semana que arrasaron boa parte da Serra do Galiñeiro, na parroquia de Vincios, en cuxo Centro Cultural ten a súa sede Cantares do Brión, que ofrece a súa colaboración artística a aquelas iniciativas comunais que teñan por obxecto cooperar na superación da difícil situación que persoas e natureza están sufrindo.