Baiona dedicará un monumento aos veciños polo seu labor e unión na extinción dos incendios

O Partido Popular de Baiona levará á comisión informativa do próximo xoves unha Declaración Institucional recoñecendo o traballo de todos os veciños e veciñas nos labores de extinción nos incendios que ocorreron o pasado domingo 15 de outubro.

Ademais propoñerán a realización dun monumento conmemorativo situado en terreo municipal ou terreo cedido pola Comunidade de Montes de Baiona, onde quede constancia da unión e solidariedade dos veciños e veciñas que traballaron xuntos, cóbado con cóbado, conseguindo que ningunha das súas casas fose arrasada polo lume, como por desgraza si ocorreu noutros puntos da comarca. O monumento proposto, sería unha pedra granítica sacada do monte de Baiona, cunha cadea de bronce que simbolizase dita unión e unha placa na que rezará un texto que será consensuado co resto dos partidos políticos pero que en esencia diría o seguinte: “O Concello de Baiona, en agradecemento e recoñecemento a todos os veciños que traballaron unidos contra a vaga de incendios que arrasou a nosa vila o 15 de outubro de 2017”.

O grupo municipal é coñecedor dos arduos esforzos realizados pola poboación de Baiona para sufocar as chamas que irremediablemente se achegaban ás súas vivendas, tendo moitos veciños que utilizar todos os medios á súa disposición. Mesmo peregrinos que pasaban pola vila na ruta do camiño portugués da costa ou visitantes non dubidaron en facer un alto no camiño e axudar nos labores de extinción.

Grazas á inestimable axuda de todos soamente produciuse unha perda ambiental pero ningunha vivenda ardeu, pois finalmente co esforzo e a unión de todo o pobo baionés conseguiuse que non se producisen unhas perdas moito maiores.