A Audiencia da Coruña require aos condenados polo Prestige o pago de 2.500 millóns de euros

FOTO: GREENPEACE/PEDRO ARMESTRE // Galicia vístese de negro.

A Audiencia Provincial da Coruña esixe aos condenados na sentenza do Prestige o pago das cantidades fixadas no fallo. Na resolución xudicial notificada hoxe establécese unha contía “sen limitación” para o capitán, Apostolos I.M., como responsable civil principal, e para a propietaria do barco, Mare Shipping Inc., como responsable civil subsidiaria, “ante a máis que razoable certidumbre de insuficiencia de bens do responsable principal, dada a contía global da débeda de autos”. Para a aseguradora, The London Steamship Owners Mutual Insurance Association (The London P&I CLUB), fixa un límite de 855.493.575,65 euros, descontada a cantidade de 22.777.986 euros consignada, mentres que para o Fondo Internacional de Indemnización de Danos Debidos a Contaminación por Hidrocarburos 1992 marca o límite en 27.986.264 euros, descontadas as sumas xa abonadas a prexudicados (120.738.452,91 euros).

A Audiencia establece, polo de agora, o total da execución da sentenza en 2.495.429.706 euros (1.441.562.943,18 de principal; 392.923.977,98 de intereses moratorios; 87.144.811,63 de intereses procesuais; 573.797.973,25 de intereses, costas e gastos de execución). A suma de 2.121.084,15 euros depositada a disposición do tribunal por Repsol Petróleo tras a venda do fuel aplicarase, previa dedución de gastos, ao pago das indemnizacións dos prexudicados a prorrata das cantidades fixadas na resolución notificada hoxe. Contra a orde emitida pola Audiencia Provincial da Coruña non cabe recurso algún.

Anuncios