Gondomar pon en marcha a creación dun voluntariado medio ambiental

O Concello de Gondomar pon en marcha a creación dun voluntariado medio ambiental, que, aínda que xa estaba en marcha, os últimos acontecementos e a sensibilidade social ao respecto, fixo que se precipitase. En todo caso, segundo indica Antonio Araúxo, concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente, serán as persoas que decidan perticipar as que, conxuntamente co Concello, definan as liñas de actuación.

“Probablemente o único positivo das catástrofes é que fan aflorar o mellor do ser humano: a solidariedade e o cariño. Despois dos lumes destes días foron ducias as persoas que se ofreceron a botar unha man e a colaborar no que poidan, na idea de recuperar a natureza destruída polo lume, mais tamén, para axudar a crear consciencia medio ambiental. Dende a Concellaría de Medio Ambiente do Concello de Gondomar que me toca dirixir, temos a responsabilidade de lle abrir un espazo á participación a todo este potencial humano cheo de xenerosidade. Era algo no que xa estabamos traballando dende hai uns meses e que agora a sensibilidade social e os acontecementos precipitaron”, subliña Araúxo.

“A idea é a creación dun voluntariado medio ambiental que perdure no tempo máis alá deste tipo desastres, e que en todo caso axuden a aumentar a consciencia medio ambiental da xente do común, na idea de que só temos este Planeta, e que o temos que coidar entre todos e todas dende Gondomar”, engade o concelleiro.

En breve (antes de final de mes) será convocada unha asemblea aberta ás persoas interesadas nesta iniciativa municipal para falar de como artellala, liñas de traballo, aspectos legais do asunto, etc. Mentres tanto, as persoas que se queiran ir anotando, xa poden pasar polo de Departamento de Urbanismo e Medio Ambiente ou facelo no e-mail urbanismo@concellodegondomar.com.