Un dos debutantes no pelotón Elite e Sub23 que máis chamou a atención esta tempada continuará a próxima campaña no Club Ciclista Rías Baixas. A directiva que preside José Luis Chamorro pechou a renovación de Jaime Guzmán. O escalador madrileño, de 19 anos, buscará seguir crecendo ás ordes de Iván Rodríguez, o novo director deportivo da formación miñorana.
“Para min foi un soño estar nun equipo deste nivel no meu primeiro ano na categoría”, afirma ‘Jimmy’. Este ciclista nado en Madrid pero con raíces galegas, a súa nai é coruñesa, respondeu na estrada á confianza que nel depositou o pasado inverno o Rías Baixas. Guzmán baleirouse ao longo da tempada en favor dos seus xefes de filas.
Neste ano de adaptación ao campo amateur conseguiu finalizar probas da Copa de España e voltas por etapas como León, Castelló e Galicia. “Ao principio custoume aclimatarme á categoría, pero con traballo e esforzo vin que cada día podía estar a un nivel que xamais me imaxinei”, comenta.
“O meu balance da tempada resulta motivador. Tentaremos seguir polo bo camiño, facendo as cousas ben, traballando e aprendendo”, apunta o corredor formado na Unión Ciclista San Sebastián de los Reyes. Entre os seus obxectivos para o próximo curso volverán estar as carreiras da Copa de España.
Reunir nas súas filas a máis ciclistas co espírito e o potencial deste madrileño é a ambición coa que o Club Ciclista Rías Baixas prepara o seu novo proxecto. A directiva mantén varias frontes abertas para renovar un persoal que por segundo ano consecutivo obtivo a terceira praza no ránking Elite da Real Federación Española de Ciclismo.

