A Área Sanitaria de Vigo pon a disposición dos profesionais sanitarios aloxamento gratuíto

A Área Sanitaria de Vigo pon a disposición dos profesionais sanitarios aloxamento gratuíto para aqueles que queiran evitar volver aos seus domicilios tras as súas quendas de traballo para previr o risco de contaxiar aos seus familiares. Así, desde que a Xunta de Galicia puxera en marcha a iniciativa de ofrecer ao persoal sanitario a posibilidade de durmir nos aloxamentos hoteleiros permitidos polo Goberno, na Área Sanitaria de Vigo tense rexistradas un total de 14 solicitudes, e todas elas foron aprobadas. O hotel autorizado en Vigo é o Eurostars Mar de Vigo.

Na área viguesa, os 14 profesionais que elixiron esta opción son médicos/as, profesionais da enfermaría e TCAEs (Técnicos de Coidados Auxiliares de Enfermaría). Non existe limitación temporal; isto é, os profesionais poden pernoitar neste hotel o tempo que lles interese mentres dure o estado de alarma, ata o 26 de abril. Este servizo pretende reducir a carga emocional daqueles que traballan en primeira liña na loita contra o coronavirus, e que por tanto están máis expostos, e soportan unha presión superior ao contar no seu entorno domiciliario con diferentes problemáticas susceptibles de que o risco de transmisión da infección sexa maior o máis grave (convivir con persoas maiores, enfermas, nenos, etcétera).

Acordo co RC Celta

Ademais, no día de onte, a Área Sanitaria de Vigo asinou un Acordo de Colaboración co RCCelta, a través do cal esta entidade pon a disposición do Sergas as súas instalacións da Residencia da canteira, con 12 habitacións, para os profesionais desta Área sanitaria.

Desde a xerencia quérese agradecer publicamente ao Celta de Vigo esta colaboración desinteresada, así como o apoio incondicional que o Club e a Fundación veñen ofrecendo nesta pandemia – efectuando diversas doazóns de equipos e de material sanitario- e que, unha vez máis, pon de manifesto uns dos valores esenciais deste Club, a súa solidariedade.