Gondomar solicita a declaración de zona catastrófica e constitúe unha comisión sobre os incendios

O Concello de Gondomar solicitará á Xunta e ao Goberno de España a Declaración de Zona Catastrófica para afrontar os danos ocasionados polos incendios que arrasaron o municipio nos últimos días. Así mesmo, unha vez controlada a situación e xa sen ningún incendio forestal activo, o Concello de Gondomar constituíu este mércores unha Comisión multidisciplinar de Seguimento dos Incendios, presidida polo alcalde, Paco Ferreira, que nace co obxectivo de brindar o apoio e asesoramento xurídico aos afectados tanto na tramitación de axudas como noutras xestións habituais nestes casos. «O que máis nos preocupa nestes momentos é achegar a administración local aos veciños para que teñan toda a información e o asesoramento que precisan ao alcance da man».

A oficina de asesoramento estará situada na sede da Policía Local, onde haberá sempre un funcionario municipal a disposición dos veciños para atender as súas dúbidas e inquietudes. Entre outros aspectos, facilitarase asesoramento xurídico para cumprimentar as solicitudes de axudas, os formularios administrativos, as notificacións ao seguro, as reclamacións ou calquera eventualidade que puidese presentarse. A través desta Comisión, o cidadán que solicite calquera informe da Policía Local que precise, relacionado cos incendios, non terá que abonar a taxa correspondente. Tamén se ofrecerá asesoramento psicolóxico para quen requira este tipo de axuda. Ademais do alcalde, integran esta Comisión multidisciplinar o concelleiro de Seguridade, Manuel Chamorro, o xefe da Policía Local de Gondomar, Obdulio Iglesias, e o sarxento da Garda Civil. Tamén forman parte do gabinete de asesoramento o asesor xurídico do Concello, o arquitecto municipal, un arquitecto de Gondomar, a psicóloga María Otero, a enxeñeira forestal Beatriz Carrera e a perito agrónomo Lida Carrera.

Aproveitando que o Consello da Xunta autorizará na súa reunión deste xoves unha liña de subvencións, «a administración local de Gondomar ponse á beira dos veciños para facilitarlles a tramitación desas axudas e trasladarlles toda a información que precisen, incluso cubrindo as solicitudes», dixo o alcalde. «Estaremos moi atentos a todo o procedemento, para que ningún veciño de Gondomar quede descolgado desas as axudas, por descoñecemento ou falta de asesoramento adecuado», explicou.

Desde o Concello de Gondomar infórmase os veciños que teñan previsto iniciar en breve as obras de reparación dos danos causados polos incendios, que é conveniente conservar todas as facturas e facer fotografías dos danos para xustificar todos os gastos.

Doutra banda, o rexedor adiantou que a próxima semana convocará unha reunión coas Comunidades de Montes, para valorar os danos e estudar a posta en marcha dun plan de repoboación forestal e de plantación de sementes. Nesta reunión participará tamén persoal veterinario para analizar a situación de extrema gravidade de moitos animais de pastoreo sobre todo cabalos, que tras quedar o seu hábitat reducido a cinzas, vagan sós polos montes en busca de alimento.

FB_IMG_1508359365347

Anuncios